A alianza industrial galega do hidróxeno verde avanza cara o deseño dun plan global de formación para a cadea de valor e dun mapa de tecnoloxías emerxentes

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou nas reunións dos comités executivos de formación e innovación e de normativa e instrumentos da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno verde

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023 O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou nas reunións dos comités executivos de formación e innovación, por unha parte, e de normativa e instrumentos, por outra, dependentes da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde para avanzar nos traballos que teñen que ver co desenvolvemento desta enerxía na Comunidade.

Deste xeito, o comité encargado da área de formación e innovación acordou promover un Plan global de formación para a cadea de valor do hidróxeno renovable -produción, almacenaxe, transporte e distribución-, así como o desenvolvemento dunha FP dual para esta industria. Ademais comezarase a deseñar a curto prazo un Plan de formación en materia de seguridade e xestión de riscos en instalacións de hidróxeno verde, tanto desde o punto de vista de aspectos tecnolóxicos como normativos.

No eido da innovación, incidiuse no novo programa de compra pública de innovación e acordouse a elaboración dun mapa de capacidades e infraestruturas do hidróxeno verde, así como a identificación de tecnoloxías emerxentes nas que Galicia poida dispoñer de vantaxes no seu desenvolvemento.

Axilización de proxectos

Pola súa banda, o Comité executivo de normativa e instrumentos avanzou na priorización das súas liñas de traballo, entre as que destaca a publicación dunha guía de tramitación de proxectos de hidróxeno verde que impulse e axilice a súa posta en marcha.

A nivel normativo tamén se fixaron como obxectivos a redución da burocracia administrativa, a seguridade xurídica e a busca de boas prácticas regulatorias. Antes de que finalice o ano prevese publicar un mapa de axudas públicas para o sector que se complementará en 2024 cun boletín de novas e un servizo de asesoramento a través de webinarios informativos.

A Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, como instrumento de colaboración público-privada promovido pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo maximizar as posibilidades de atracción de proxectos e impulsar e consolidar un novo tecido industrial, vinculado a este sector enerxético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023