A Xunta pon en marcha un ciclo formativo para achegar os usos e vantaxes da intelixencia artificial á cidadanía

As sesións, dirixidas especialmente ás persoas maiores, terán lugar ente outubro e novembro, en diferentes aulas da Rede CeMIT das catro provincias

A inscrición está aberta e pode realizarse online ou directamente nos centros nos que se imparte o ciclo formativo

Esta iniciativa enmárcase nas actuacións da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, para facilitar á sociedade capacitación nesta tecnoloxía en todas as etapas
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha o ciclo formativo “A Intelixencia Artificial no día a día”, para achegar esta tecnoloxía e as súas vantaxes á cidadanía, centrándose especialmente nas persoas maiores de 55 anos.
 
As sesións teñen unha duración de 90 minutos e desenvolveranse entre os meses de outubro a novembro de xeito presencial nas aulas da Rede CeMIT de A Coruña, Celanova, Guitiriz, Moaña, Ortigueira, Santiago e Vigo.
 
O obxectivo desta formación é achegar a un público sen coñecementos específicos na materia as nocións e características básicas da Intelixencia artificial (IA), o seu impacto no día a día das persoas e visibilizar as súas vantaxes a través de casos de uso, dun xeito sinxelo e accesible.

As sesións estrutúranse en catro bloques temáticos, comezando por unha introdución ao concepto de Intelixencia Artificial, a través da presentación de exemplos prácticos e a posta en valor das vantaxes do seu uso. Ademais, farase un repaso polas aplicacións máis cotiás que empregan esta tecnoloxía e a súa contribución á sociedade. Finalmente, farase unha aproximación ás posibles aplicacións futuras, principios éticos e revisión dos avances na súa regulación.

Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030

Este itinerario formativo enmárcase nas actuacións da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA2030), que establece nas súas liñas estratéxicas que a cidadanía sexa a principal beneficiaria da IA, para o que é preciso que conte coa formación e capacitación necesaria para entendela e usala con medidas que abrangan desde a adquisición de competencias básicas, ata a formación para persoal altamente cualificado.

Calendario e inscricións

As persoas interesadas en asistir a estas formacións poderán inscribirse comunicándose directamente co centro da Rede CeMIT do seu interese, ou a través da web. Xúntase o calendario de actividades e as ligazóns de inscrición en cada centro.

  
Aula CeMIT
Datas
Horarios
Inscricións
A Coruña
20 de outubro
10:00 a 11:45
Guitiriz
23 de outubro
11:00 a 12:45
Santiago
24 de outubro
17:00 a 18:45
Celanova
25 de outubro
11:00 a 12:45
Ortigueira
26 de outubro
11:00 a 12:45
Vigo
27 de outubro
11:00 a 12:45
A Coruña
3 de novembro
12:00 a 13:45
Santiago
7 de novembro
17:00 a 18:45
Moaña
8 de novembro
11:00 a 12:45
Ortigueira
16 de novembro
11:00 a 12:45
Vigo
17 de novembro
11:00 a 12:45
Celanova
22 de novembro
11:00 a 12:45
Guitiriz
27 de novembro
11:00 a 12:45
Moaña
29 de novembro
11:00 a 12:45
 

 

Data de actualización: 22/09/2023