A xerente do Sergas aborda na Real Academia de Medicina de Galicia os retos do Sistema Nacional de Saúde

Tal e como sinalou Estrella López-Pardo, os retos aos que se enfronta a sanidade son globais, e non afectan so a unha rexión ou a un país

Incidiu na urxencia de acometer reformas que garantan a sostenibilidade dos sistemas sanitarios a medio e longo prazo
 

A Coruña, 21 de setembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, participou hoxe, no salón de actos da Real Academia de Medicina de Galicia, nunha sesión na que se abordaron os Retos e oportunidades do Sistema Nacional de Saúde: Medir para Mellorar. A presentación do acto correu a cargo do presidente da Real Academia de Medicina, Francisco Martelo Villar.

Segundo dixo a responsable do Sergas, os retos aos que se enfronta a sanidade son globais, e non afectan so a unha rexión ou a un país, e incidiu na urxencia de acometer reformas que garantan a sostenibilidade dos sistemas sanitarios a medio e longo prazo.

Tal e como incidiu Estrella López-Pardo, o gran reto é xestionar o presente, á vez que se constrúe o futuro. Non hai solución única para todas as organizacións e sistemas, haberá que andar o camiño e adaptalo ao contexto local e futuro.

Na súa intervención, a xerente detallou a Estratexia Galega de Saúde 2030, recentemente presentada polo Goberno galego. Dela dixo que é un proxecto de longo prazo que aposta por un modelo baseado en valor e a medición de resultados en saúde. Máis aló dun cambio de formas de medir, significa un cambio de cultura, debendo ser os profesionais sanitarios os protagonistas, -remarcou Estrella-Lopez-.

Tal e como explicou a xerente, a Estratexia Galega de Saúde 2030 define cinco dimensións destinadas a afrontar os retos de futuro da sanidade galega, que se se centran en adoptar un enfoque máis proactivo, incrementando a actividade que se realiza sen agardar á aparición dun problema de saúde; en avanzar cara unha atención máis integrada e personalizada, adaptada á situación de Galicia de elevada presenza de pacientes crónicos e complexos; en deseñar mecanismos de integración da innovación; en incrementar a transparencia dos resultados do sistema sanitario; e, ademais, en dar maior transversalidade á saúde nas políticas públicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023