A Xunta aproba o proxecto básico do novo centro de saúde de Boborás, que suporá un investimento estimado de máis de 1,5 M€

O novo edificio contará cunha superficie de 628,07 m2 construídos, con planta baixa onde estarán as consultas, e superior onde se localizarán os espazos para o persoal

Confórmase como un elemento lonxitudinal paralelo á vía de acceso Evaristo Riande

Manterá a mesma liña de integración respectuosa coa contorna e o medio natural, a través da apertura de patios e espazos acristalados que introducen a visión de natureza no edificio

A previsión da Xunta é licitar as obras no primeiro semestre do 2024, unha vez aprobado o proxecto construtivo

O novo centro de saúde é froito da colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello, e conta coa cooperación da Deputación Provincial de Ourense, sendo a Consellería de Infraestruturas a encargada da súa execución
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Xunta vén de aprobar o proxecto básico do novo centro de saúde de Boborás, que suporá un investimento estimado de máis de 1,5 M€.

O obxectivo da Xunta é poder licitar as obras no primeiro semestre do 2024, unha vez sexa aprobado o proxecto construtivo e tramitada a licenza para a súa execución.

Defínese un novo edificio para centro de saúde cunha superficie de 682,07 m2 construídos, cun deseño que busca a mellor integración co entorno en todos os seus aspectos: implantación da parcela, volumetría, deseño ou emprego de materiais característicos da zona, como a pedra e a madeira.

O edificio confórmase como un elemento lonxitudinal, paralelo á vía de acceso, Evaristo Riande, próximo ao borde sur da parcela.

O edificio pecharase cun muro de cachotería tradicional que o separará da vía pública e daralle privacidade, xerándose entre o edificio e o peche un patio lonxitudinal cunha lixeira pérgola vexetada, que protexerá do sol no verán.

Na parte norte da parcela conservarase a maioría do arboredo existente, autóctono, que será complementado con novas árbores adicionais, dando ao conxunto un carácter natural.

O deseño do edificio que se vén de aprobar segue así a mesma liña de integración respectuosa coa contorna e o medio natural, a través da apertura de patios e espazos acristalados que introducen a visión de natureza no edificio, e espazos axardinados como un patio de entrada ou un patio lonxitudinal da zona de consultas.

Na súa execución, proponse o emprego de materiais naturais, e especialmente a madeira, pola sensación de confort e dunha contorna segura saudable e acolledor.

Tamén se aproveitará ao máximo da luz natural no edificio, prestando especial atención ás zonas de consultas.

No que se refire á distribución funcional do novo centro de saúde de Boborás, a planta baixa, destinarase ás consultas e as zonas de espera, que se dividen en dúas zonas separadas pola zona de acceso e recepción. As esperas estarán orientadas cara ao bosque natural (cara ao norte) e as consultas cara a un patio lonxitudinal e o sur.

Na planta superior proxéctase un pequeno volume que acolle os espazos privados para o persoal de saúde: sala de xuntas e vestiarios.

A zona de entrada principal, dende a rúa Evaristo Riande, configúrase arredor dun patio: unha árbore xa existente, unha suave rampla cuberta, uns bancos, un escenario de madeira no porte, cualifican o acceso ao centro, xerando espazos de calidade neste acceso dende a vía pública.

Tamén haberá acceso peonil desde o aparcamento traseiro, que converxerá co acceso principal no vestíbulo situado no centro do edificio. Ademais, o acceso de ambulancias e de persoal sitúase na zona sueste da parcela.

Colaboración

Cómpre lembrar que os terreos para o novo centro de saúde de Boborás foron postos á disposición polo Concello. A Deputación Provincial de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, beirarrúas e colectores para a xestión de residuos.

A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, é a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023