O presidente da Xunta participou na entrega do XXI Premio Xoven Empresario e Iniciativa Emprendedora de Galicia

Rueda destaca o papel dos emprendedores na construción dunha Galicia potente que garante progreso e benestar social

Destaca que o deber das administracións é “xerar un clima propicio” para o emprendemento a través de medidas que ofrezan estabilidade e confianza aos inversores e ao conxunto do tecido empresarial

Salienta a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que xa conta con 10 centros activos que dan servizo a 200 concellos

Máis de 500 emprendedores recibiron asesoramento e información para poñer en marcha o seu proxecto durante o primeiro ano desta Rede

Vigo,  21 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o carácter emprendedor dos galegos e a súa contribución a crear unha Galicia potente que é sinónimo de progreso e benestar social. “O emprendedor galego ten ideas, coopera, aprendeu a moverse nun mundo global, é flexible e conta co respaldo da administración”, salientou durante o acto de entrega do XXI Premio Xoven Empresario e Iniciativa Emprendedora de Galicia en Vigo.

Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou que o deber das administracións é “xerar un clima propicio” para o emprendemento a través de medidas que ofrezan estabilidade e confianza aos inversores e ao conxunto do tecido empresarial.

Nesta liña salientou a Rede autonómica de emprendemento que ten en marcha a Xunta e onde destacan os polos de emprendemento e apoio ao emprego nos que os interesados reciben información e asesoramento para poñer en marcha un negocio o unha iniciativa empresarial. Dez dos quince polos previstos xa están activos e dan servizo a máis de 200 concellos galegos. No seu primeiro ano de vida, estes centros atenderon a máis de 500 emprendedores mediante 1.700 titorías.

Ademais, o presidente da Xunta puxo en valor a estabilidade política e social de Galicia que contribúe a que a comunidade sexa un lugar atractivo para investir e emprender. Rueda agradeceu o labor do tecido produtivo para configurar a Galicia do mañá. “Hai un galeguismo económico e empresarial cuxo único requisito é aportar ideas positivas e creativas ao noso proxexto colectivo”, destacou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023