A Xunta segue a promover Galicia como como destino turístico sostible entre turoperadores nacionais e internacionais

O director de Turismo de Galicia participou no peche dun fam trip con turoperadores internacionais que se celebrou hoxe na Illa da Toxa para dar a coñecer as empresas e produtos adscritos ao Clube de Produto Galicia Destino Sostible

A iniciativa, promovida polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración con Turismo de Galicia, terá continuidade en outubro cun press trip internacional

O Grove, 21 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde no workshop no que 20 empresas turísticas galegas, integradas no Club de Produto Galicia Destino Sostible, presentaron os seus produtos a representantes de oito axencias de viaxe nacionais e estranxeiras.

Trátase dunha das actividades programadas dentro da viaxe de familiarización promovida desde o Clúster Turismo de Galicia para dar a coñecer a iniciativa Galicia Destino Sostible que remata mañá. Esta plataforma, impulsada polo Clúster en colaboración coa Xunta, busca integrar nun só lugar toda a oferta de turismo sostible da Comunidade. Actualmente conta xa con máis 70 empresas adheridas e 150 produtos dispoñibles no portal galiciadestinosostible.com. 

A viaxe de familiarización, que comezou onte no Ribeiro e continuou hoxe en Cambados e A Toxa incluíu vistas turísticas e diferentes experiencias gastronómicas e actividades coas que se busca que os turoperadores participantes poidan coñecer de primeira man as experiencias vencelladas á sostibilidade que se ofertan en Galicia. O fam trip remata mañá cunha visita a Pontevedra pero as actividades de promoción do turismo sostible continuarán en outubro cunha viaxe para prensa nacional e internacional.

Galicia Destino Sostible

Galicia Destino Sostible nace en 2021 impulsada polo Clúster Turismo de Galicia, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, como un club de produto co obxectivo de integrar nunha única plataforma a oferta turística sustentable da nosa Comunidade, poñela en valor e incrementar as súas posibilidades de difusión e comercialización, conectando ás empresas con produto especializado cos viaxeiros que buscan unha experiencia comprometida co desenvolvemento local; co bo uso dos recursos naturais, o apoio á cultura, o patrimonio histórico e a tradición.

Data de actualización: 21/09/2023