Arias destaca en Sarria o papel “imprescindible” de Cáritas na loita contra a exclusión e asegura que seguirá contando co apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo participou na inauguración da nova sede da entidade na vila sarriá, onde destacou que a Administración autonómica continuará traballando polos colectivos máis desfavorecidos en alianza cos entes sociais

Sarria (Lugo), 21 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da nova sede de Cáritas en Sarria, onde resaltou o papel “imprescindible” que xoga esta entidade na loita contra a pobreza e a exclusión social. Afirmou que neste cometido “seguirá contando co apoio da Xunta, para garantir a viabilidade dos seus proxectos”.

Ás novas dependencias trasládanse os servizos que Cáritas ofrece no municipio de Sarria: acollida, orientación laboral, asesoría xurídica e aulas para impartir cursos de formación.

Arias afirmou que o Goberno galego seguirá traballando “para garantir a atención a persoas en situación vulnerable” e subliñou o incremento no orzamento adicado a inclusión, que este ano subiu nun 25% ata chegar aos 150 millóns de euros.

“De xeito especial a Xunta reforza a alianza coas entidades sociais”, dixo, con medidas como unha orde de axudas dotada este ano con 19,7 M€ para financiar os programas, centros de acollida, comedores sociais e demais servizos que poñen a disposición dos colectivos máis desfavorecidos.

No caso de Cáritas, o delegado fixo fincapé “a colaboración continuada” da Adminstración autonómica para desenvolver as súas iniciativas en favor da infancia, das familias e das persoas con menos recursos. Así, o ano pasado Cáritas Lugo obtivo 702.500 euros das axudas da Consellería de Política Social e Xuventude con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF para executar en 2023. Da contía total, 376.500 son para destinar á área de inclusión. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023