Unha trintena de estudantes de secundaria do municipio raiano das Neves coñecen o CIAE-112 Galicia

Esta actividade enmárcase no Día da Cooperación Interreg, para lembrar á cidadanía a importancia de unir esforzos a prol do desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Con esta visita, o alumnado do I.E.S. Pazo da Mercé achegouse aos procedementos de acción e medidas de auto protección en caso de emerxencias que transcenden as fronteiras

A Estrada (Pontevedra), 21 de setembro de 2023

Unha trintena de estudantes do Instituto de Educación Secundaria Pazo da Mercé, radicado no municipio raiano das Neves, visitaron hoxe o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia acompañados polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo. A actividade forma parte dos eventos relacionados co Día da Cooperación Interreg, para lembrarlle á cidadanía a importancia de unir esforzos en prol do desenvolvemento e potenciación das Eurorrexións.

A visita ten especial relevancia ademais pola localización xeográfica do concello das Neves, en plena área transfronteiriza, onde os organismos integrados no Proxecto PROTEMPO, financiado polo programa Interreg, realizan importantes esforzos que abarcan dous ámbitos clave: por un lado, a coordinación dos organismos de intervención de ambos lados da fronteira e, polo outro, a formación dos habitantes dos núcleos de poboación da Raia en materia de emerxencias. A medida diríxese sobre todo aos públicos máis vulnerables —nenos e persoas maiores­— aos efectos das situacións adversas, cada vez máis frecuentes e destrutivas debido a evolución do cambio climático.

Cómpre lembrar que o Proxecto PROTEMPO está liderado pola AXEGA e conta coa colaboración da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho dentro do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP).

Esta iniciativa abarca máis de 700 profesionais de diferentes organismos de intervención galegos e do norte de Portugal, e promove numerosos simulacros e outros exercicios que garanten unha resposta eficaz ante unha hipotética situación de emerxencia real en zona transfronteiriza. Neste sentido, desde a Xunta de Galicia invístese en recursos para ambos lados da Raia, como a Nova Rede de Mando Operativo Único e as actividades de formación para os profesionais e para a poboación.

Colaboración e concienciación

O Día da Cooperación Interreg ­—anteriormente Día da Cooperación Europea­— celebra cada 21 de setembro a colaboración entre as diferentes rexións da Unión Europea e os seus países veciños en materias como a adaptación climática, a adaptación social ou a migración. Neste sentido, as emerxencias elévanse coma un elemento transversal, que afecta a todos os ámbitos da vida das persoas.

Pola súa banda, a Xunta participa activamente en diferentes iniciativas de adestramento para os membros dos servizos de intervención e insiste especialmente nas actividades divulgativas para a poboación das zonas fronteirizas. Destaca a exposición itinerante que percorre diferentes poboacións da zona transfronteiriza galega e portuguesa para concienciar á cidadanía sobre os efectos do cambio climático nas emerxencias.

A visita dos alumnos do IES Pazo da Mercé axuda ao sector de poboación máis novo da zona da Raia a comprender os procedementos de acción en caso de emerxencia na súa área de residencia e funciona como unha chamada á acción e á auto protección ante as grandes emerxencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023