A Xunta financia con 38.000 euros o novo sistema de rega do campo de rugby das Pedreiras, en Lugo

O Goberno galego achegou ao Concello o 80 % do orzamento da obra ao abeiro dunha orde de axudas para instalacións deportivas e equipamentos de titularidade municipal

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a primeira convocatoria deste ano distribuíu 1,4 millóns de euros na provincia e xa está en marcha a segunda edición

Lugo, 21 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia financiou con 38.000 euros o novo sistema de rega do campo de rugby do complexo deportivo As Pedreiras, en Lugo, ao abeiro dunha orde de axudas para os concellos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O orzamento total das obras foi de 47.500 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que esta medida “permitirá manter nun estado axeitado o campo, ofrecendo unhas condicións óptimas de adestramento e xogo aos clubs e aos numerosos rapaces que o utilizan”.

Arias destacou que o Goberno galego distribuíu preto de 1,4 millóns de euros entre 35 concellos da provincia para a construción ou mellora de instalacións deportivas municipais e para a adquisición de material deportivo.

Ante a elevada demanda rexistrada na convocatoria, publicada por primeira vez este ano, está en marcha unha nova edición, dotada con 2 millóns de euros, que permitirá cubrir as peticións que quedaran fóra por esgotamento de crédito -todas elas na liña I de instalacións deportivas-, e asumir outras solicitudes novas.

Este programa financia o 80 % do custo das actuacións, ata o límite de 50.000 euros no caso de obras e de 10.000 euros para adquirir equipamento. A porcentaxe restante é achegada polas entidades locais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023