A delegada da Xunta anima ao alumnado do obradoiro MAIV Dual a aproveitar a oferta formativa e laboral

A delegada territorial de Xunta en Vigo destaca o compromiso do Goberno galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral das persoas sen emprego a través de obradoiros duais

Ana Ortiz clausurou este xoves o MAIV Dual 2022 e lembrou que xa están aprobadas novas achegas para os cursos Vigo Capacita IX, cunha achega de 531.000 euros ao Concello de Vigo, e III Obradoiro Forestal Montes de Vigo

Vigo, 21 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, animou este xoves ao alumnado do obradoiro MAIV Dual 2022 a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. Así o trasladou a representante autonómica tras confirmar que o Goberno galego financiará con preto de 800.000 euros outros dous talleres duais de emprego no municipio vigués. 

 

“A formación que recibides durante o último ano son unha ventá ao mercado de traballo e tanto a cidade como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

 

Ana Ortiz salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na cidade de Vigo e salientou os estudos impartidos aos 16 alumnos e alumnas que participaron no curso. O obradoiro MAIV Dual 2002, organizado pola Mancomunidade de Vigo, contou cunha subvención de 403.189 euros por parte da Xunta para ofertar as especialidades de Xestión de Marketing e Comunicación e Dinamización Comunitaria.

 

Ademais, a delegada territorial confirmou que xa está aprobada outra achega de 531.046,20 euros para o curso Vigo Capacita IX, concedidos a través do Concello de Vigo, e outros 265.523,10 euros para o III Obradoiro Forestal Montes de Vigo, a través da Mancomunidade de Montes. A financiación permitirá que 30 personas sen emprego melloren a súa cualificación ao tempo que acceden a un traballo.

 

Compromiso da Xunta

A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos. Fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023