A Agasp impartiu durante o primeiro semestre 329 cursos coa participación de máis de 11.400 integrantes dos corpos e forzas de seguridade e dos servizos de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior detallou hoxe no Parlamento de Galicia que 181 actividades corresponden á área de seguridade pública e 148 na de emerxencias, con máis de 6.400 e máis de 5.000 participantes respectivamente

Para o último trimestre deste exercicio están previstas outras 75 accións e rematar os procesos selectivos de policía local convocados

Santiago Villanueva lembrou que este 2023 entrou un novo funcionamento un novo pavillón polideportivo que complementa as instalacións deportivas da Agasp

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo balance no Parlamento de Galicia da formación impartida na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) durante o primeiro semestre deste ano 329 cursos coa participación de máis de 11.400 efectivos dos servizos de emerxencias e das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia.

 

Do total das accións formativas, 181 centráronse na área de seguridade pública e 148 na de emerxencias, con 6.407 e 5.051 participantes, respectivamente.

 

Por unha banda, dos 181 cursos destinados ás forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade desde xaneiro a xuño, 89 corresponden aos dirixidos á Policía Local, 31 ao persoal da Garda Civil, 24 á Policía Nacional, 7 á Policía Autonómica. Inclúense ademais outros 24 módulos para policías locais no marco dos convenios con distintos concellos e outros 3 de auxiliares de policía local para o adestramento con arma regulamentaria, tamén en colaboración con diferentes municipios. No primeiro semestre celebráronse, a maiores, tres xornadas sobre ciberseguridade, normativa de espectáculos públicos e menores.

 

Entre as temáticas abordadas inclúense cursos prácticos de intervención e operativa policial, relacionados co ámbito social, comunicación coa cidadanía e mergullo.

 

A AGASP -sinalou Santiago Villanueva- encárgase da convocatoria dos procesos selectivos unitarios da Policía Local. A finais de novembro rematarán a súa formación os 78 integrantes da 15ª promoción de Policía Local e este mesmo sábado celebraranse no recinto feiral de Silleda os dous primeiros exercicios do proceso selectivo para cubrir 89 prazas en 24 concellos do que sairán os integrantes da 16ª promoción de Policía Local.

 

Neste ano leváronse a cabo os cursos de promoción interna de acceso ás categorías de oficial e inspector. Xa se rematou o proceso para cubrir 96 postos de auxiliar de policía local e antes de fin de ano prevese culminar a oposición das 89 prazas de policía local por quenda libre, das 22 prazas desta categoría pola quenda de mobilidade, 11 de oficial e 1 de vixiante municipal en Rábade (Lugo). Villanueva avanzou tamén que ata finais deste ano están previstos outros 75 cursos do plan de formación continua.

 

Nesta liña, o director xeral lembrou que 91 concellos dos 127 con corpo de policía local teñen delegada a competencia da selección dos seus axentes a través da Agasp.  

 

En materia de seguridade pública, realizáronse no que vai de ano 7 edicións do curso de capacitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas con 319 persoas participantes. Están previstas 11 edicións este ano -unha cada mes agás agosto- e a próxima será este mesmo sábado, 23 de setembro.

 

Área de emerxencias

Por outra parte, a meirande parte dos case 148 cursos de emerxencias destináronse á formación continua do voluntariado de Protección Civil con 73 actividades. A estes cursos súmanse outras 27 accións para os servizos de extinción de incendios e salvamento, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e servizos municipais de Protección Civil; 37 para os axentes forestais e os axentes medioambientais no marco da colaboración coa Consellería do Medio Rural. Este ano incorporouse a formación en materia de socorrismo coa celebración de 10 cursos, tanto o de reciclaxe, adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo como os de 240 horas de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais.

 

Centro de referencia na formación

Santiago Villanueva lembrou que a Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. A Academia -sinalou- cumpre este 2023 o seu 30 aniversario e desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou a case 170.000 persoas.

 

Co obxectivo de que o alumnado que se forma na AGASP conte cunhas instalacións axeitadas, o director xeral de Emerxencias e Interior lembrou que este ano entrou en funcionamento un novo pavillón situado á carón do edificio destinado ás prácticas de tiro para as clases de Educación Física ou para facer deporte fóra do horario lectivo por parte do alumnado das promocións de Policía Local e das persoas participantes nos centos de cursos do plan de formación continua. A nova pista polideportiva complementa as demais instalacións deportivas da Agasp como o ximnasio -que tamén foi ampliado, a piscina ou o campo de tiro.

Data de actualización: 21/09/2023