Trenor anima aos coruñeses a descubrir a mellor maxia do mundo o 30 de setembro na dársena da Mariña e o 20 de outubro en Palexco

Trenor presentou cos organizadores do festival “Galicia Ilusiona” o programa de actos previstos na cidade

A Coruña, 21  de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor,recibiu aos organizadores do festival “Galicia Ilusiona”, Dani Polo e Pedro Bugarín,  que traerá aos mellores magos do mundo á cidade da Coruña. No encontro presentaron o libro máxico que formará parte da promoción deste festival cheo de sorpresas.

O 30 de setembro chegará á dársena da Mariña a caravana de maxia itinerante reconvertida en teatro con pases de maxia de 20 minutos en grupos reducidos de 15-20 persoas e con entrada gratuíta.

No encontro tamén explicaron a Gran Gala Internacional que terá lugar o 20 de outubro en Palexco e que será o prato forte do festival. Os espectáculos de maxia tamén chegarán, como na edición anterior, ás unidades de pediatría do hospital da Coruña.

 O delegado da Xunta destacou que estamos ante un proxecto pioneiro, un festival de ilusionismo que abranguerá toda a comunidade autónoma galega nas sete grandes cidades e que pretende ser un referente dentro do mundo da maxia.

Os organizadores agradeceron o apoio que recibiron por parte da Xunta de Galicia para facer realidade este proxecto que conta cun importante apoio a través da Axencia de Turismo da Coruña e subliñou que “Galicia Ilusiona” é referente a nivel internacional e consolida a Galicia como epicentro do ilusionismo. Neste senso, lembrou que na pasada edición rexistráronse máis de 52.000 espectadores.

Trenor animou a todos os galegos a descubrir o amplo programa porque “teremos a oportunidade de poder ver nos principais teatros das cidades galegas a mellor calidade posible e os números máis premiados e recoñecidos por ilusionistas de todo o mundo”.

Para consultar toda a información e compra de entradas en: www.galiciailusiona.es

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023