O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou na xornada de hoxe estas dúas casas niño da comarca de Verín

A Xunta abre dúas novas casas niño nos concellos ouresáns de Laza e Monterrei

Ourense sumará cinco novas casas niño este ano consolidándose como a provincia con máis recursos deste tipo

Esta é a segunda casa niño que a Xunta promove en Laza e a terceira en Monterrei, tras o éxito de acollida das anteriores

Ourense, 20 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia abre dúas novas casas niño nos concellos verineses de Laza e Monterrei. Estes recursos de conciliación, completamente gratuítos para as familias, son un modelo de atención a nenos de ata 3 anos adaptados ás características dos concellos do ámbito rural nos que, pola súa poboación, non resultan viables outros modelos tradicionais de atención á primeira infancia.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou na xornada de hoxe a casa niño Abelliñas en Laza xunto co alcalde desta localidade, José Ramón Barreal. Posteriormente desprazouse ata Monterrei onde, acompañado polo alcalde deste concello José Luis Suárez, inauguraron a casa niño Enredos. Esta é a segunda casa niño de Laza e a terceira de Monterrei, tras o éxito de acollida das anteriores.

Ourense é a provincia na que este ano abren máis casas niño, cun total de cinco das oito novas. E segue a ser a provincia de Galicia con máis recursos deste tipo, chegando este ano ás 50. A provincia da Coruña contará con dúas novas casas niño, acadando as 19; Lugo sumará unha ata contar con 28; e Pontevedra manterase coas seis actuais.

Este servizo, que se presta por medio de profesionais autónomos ou cooperativas de traballo asociado, ofrece unha atención integral e personalizada a un máximo de cinco nenos e nenas en idades comprendidas entre os tres meses e os tres anos de idade. Os recursos emprázanse nos concellos máis pequenos -con menos de 5.000 habitantes- que non contan con servizos deste tipo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023