A delegada da Xunta en Vigo visita as obras da nova senda entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que supoñen un investimento de 1,5 M€

Ana Ortiz fixo un percorrido xunto á alcaldesa, Marta Valcárcel, por varios dos treitos de senda xa executados nos últimos meses

As obras abranguen un treito de 4,6 km para mellorar os accesos á igrexa e aos establecementos hostaleiros e de alimentación
 

Salvaterra (Pontevedra), 20 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores os traballos de construcción da nova senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que supón un investimento de 1,5 millóns de euros por parte do Goberno galego.

A representante autonómica fixo un percorrido polas obras en marcha xunto á alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel. O obxectivo da actuación é mellorar a mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas.

Segundo indicou Ana Ortiz, trátase dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.

O proxecto supón unha actuación de 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.

A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402. A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023