A Xunta destaca o crecente compromiso coa excelencia turística de Terras de Compostela con 17 novas entidades co distintivo de calidade SICTED

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa no acto de entrega destas 17 distincións que recibiron desde aloxamentos de turismo rural, restaurantes, empresas de turismo activo ou de turismo industrial

Salienta o incremento de calidade certificada en Galicia, con 19 destinos SICTED e máis de 1.300 entidades con este recoñecemento ou en proceso de acadalo

“Galicia avanza en calidade e competitividade, algo fundamental para diferenciarnos, reforzar o sector e consolidar a fidelidade de quen nos visita”, indica
 

A Baña (A Coruña), 20 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, valorou hoxe moi positivamente o traballo que están realizando os profesionais do turismo no destino Terras de Compostela ao ser quen de incorporar 17 entidades co distintivo SICTED e contribuír así, indicou, “a reforzar a imaxe de Galicia como destino cada vez máis competitivo”.

Durante o acto de entrega deste recoñecemento, o director de Turismo puxo de manifesto a “importancia estratéxica” de que a Comunidade galega conte cada vez con máis calidade turística certificada “algo fundamental para mellorar a imaxe do sector, diferenciar o noso destino fronte a outros e tamén consolidar a fidelidade dos visitantes que recibimos cada ano”.

De feito, como cuantificou, as cifras aumentan cada ano e a día de hoxe Galicia conta cun total de 19 destinos SICTED con 1.343 entidades que xa teñen a súa distinción ou están adheridas e implementando as correspondentes boas prácticas para acadala. “Gracias a destinos como Terras de Compostela, Galicia avanza en calidade e competitividade xa que cada vez estamos a ter máis peso en distintivos que a certifican como os SICTED”, indicou. Referiuse, en concreto, á posición destacada en comparación cos destinos cos que máis se asemella, os da España Verde, onde a comunidade galega lidera o número de empresas con este distintivo.

45 empresas na área de Compostela

Xosé Merelles felicitou ao destino Terras de Compostela -do que forman parte os concellos da Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra- porque “desde a súa creación como destino SICTED no ano 2019 vén amosando que os profesionais que forman parte del traballan sen descanso pola excelencia e certificar a súa calidade”. De feito, a día de hoxe conta cun total de 45 entidades e empresas adheridas e 30 xa distinguidas con este distintivo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023