A EGAP acolle un curso superior organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sobre protección de datos dirixido a persoal empregado público

Participan 70 persoas que recibirán formación tanto dende un punto de vista técnico xurídico como dende unha visión práctica

O curso abordará aspectos como a responsabilidade da Administración no tratamento de datos, a intelixencia artificial ou a videovixilancia

Foi inaugurado hoxe pola directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e prolongarase ata o 19 de decembro

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

Un total de 70 persoas empregadas públicas participan dende hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no Curso superior en Protección de Datos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Nodo CIBER.gal. O curso conta coa colaboración da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

O curso foi inaugurado esta mañá pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o directora da Axencia autonómica, Julián Cerviño; e o director da acción formativa, Gustavo Herva.

Os organizadores destacaron o alto interese mostrado polo persoal empregado público, que fixo necesario habilitar unha listaxe de persoas en reserva.

O curso proporcionará e actualizará coñecementos dende un punto de vista técnico xurídico, así como dende unha perspectiva práctica. Entre os obxectivos atópanse o de concienciar ao alumnado sobre a importancia do dereito fundamental á protección de datos persoais, para o que é necesaria a aplicación de boas práctica de acordo coa normativa vixente.

Tamén abordará os principios básicos de seguridade e as medidas que é necesario implantar nos sistemas de información dende a perspectiva do risco. Así mesmo, proporcionará aos asistentes unha visión global da protección de datos persoais, así como sobre as funcións e responsabilidades das persoas que interveñen no seu procesamento.

Entre as materias que se impartirán, destacan a responsabilidade da Administración pública no tratamento dos datos; a normativa e o réxime sancionador; a protección de datos en saúde; a intelixencia artificial ou a videovixilancia.

Julián Cerviño destacou na súa intervención os obxectivos da Xunta de avanzar nunha Administración dixital máis eficiente, personalizada e accesible, o que implica o uso de tecnoloxías que empregan datos persoais, como a xestión intelixente do datos, a intelixencia artificial ou a automatización robótica de procesos. Referiuse ás actuacións concretas previstas no III Plan de Administración e Goberno Dixital que está en marcha, como a Plataforma de Automatización Intelixente da Xunta de Galicia; o aumento da interoperabilidade a través da plataforma Pasaxe!; o novo modelo de identidade dixital ou a aplicación A Xunta no Móbil (XuntaEU).

Pola súa banda, a directora da EGAP resaltou que, ante o desenvolvemento da Administración dixital, é preciso dotar ao persoal empregado público das ferramentas necesarias para salvagardar os datos persoais que se almacenan e se transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadanía e preservar a confianza nas institucións. Para conseguir estes obxectivos, incidiu, a Escola oferta unha programación anual en materia de seguridade da información completa e actualizada.

Data de actualización: 20/09/2023