O presidente da Xunta inaugurou a nova sede de Cáritas en Vilagarcía de Arousa

Rueda destaca que a Xunta blinda a atención das persoas máis vulnerables ao destinar este ano 150 M€ á inclusión, “un 25 % máis que en 2022”

Salienta o papel fundamental que teñen entidades sociais como Cáritas para tecer unha rede de benestar en todo o territorio

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra),  20 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por blindar a atención das persoas máis vulnerables, un compromiso que se traduce nun orzamento de 150 millóns de euros este ano destinado á área de inclusión, “un 25 % máis que en 2022”. 

Así o puxo en valor hoxe durante a súa participación na inauguración da nova sede de Cáritas en Vilagarcía de Arousa, na que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García; o arcebispo de Santiago de Compostela e presidente de Cáritas Diocesana Santiago, Monseñor Francisco José Prieto; e o presidente de Cáritas España, Manuel Bretón, entre outras autoridades.

No acto, o titular do Executivo galego enxalzou o papel fundamental que realizan entidades como Cáritas para chegar onde as administracións non poden e para tecer unha rede de benestar en todo o territorio que apoie e dote de recursos as persoas máis vulnerables.
 
Neste senso, comprometeu todo o apoio da Xunta ao labor destas entidades e lembrou que a propia Administración autonómica ten en marcha un amplo abano de liñas de acción para loitar contra a pobreza e a exclusión social. Entre as medidas do Goberno galego na área de inclusión, atópanse os case 20 millóns de euros da liña de axudas a entidades sociais; os 7,6 millóns de euros para programas de inclusión dos concellos; ou as axudas directas como a Renda de Inclusión Social de Galicia ou as Axudas de Inclusión Social (AIS) -cuxas contías se elevaron un 8 % este ano-, así como o complemento autonómico das Pensións Non Contributivas (PNC), que se incrementou nun 6 % e que xa teñen ingresado preto de 37.000 galegos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023