A Xunta contribúe con preto de 480.000 euros ao mantemento das unidades de atención temperá das Pontes e da Manconumunidade de concellos de Ferrol

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informa desta resolución de axudas da Consellería de Política Social e Xuventude durante unha visita ás instalacións pontesas nas que traballan tres profesionais

A representante autonómica destaca a importancia desta unidade que atende actualmente a 46 menores do municipio de ata 6 anos de idade
 

As Pontes (A Coruña), 20 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia garante a continuidade das unidades de atención temperá do Concello das Pontes e da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol cunha aportación de 478.321 euros ata 2024. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución destas axudas da Consellería de Política Social e Xuventude, durante unha visita ás instalacións pontesas, localizadas no centro Cemo Saúde.

Acompañada da xefa territorial da consellería, María Blanco Aller, e de representantes municipais, Aneiros destacou a importancia deste servizo creado en 2019 e orientado a favorecer o desenvolvemento de nenas e nenos de ata 6 anos de idade con dificultades. A unidade de atención temperá do Concello das Pontes atende actualmente a 46 menores do municipio, aínda que por este servizo chegaron a pasar 60 nenos e nenas durante este 2023. O centro conta cunha achega autonómica de 210.441 euros para garantir o seu funcionamento ata 2024 (corresponde ás anualidades 2022, 2023 e 2024).

A delegada territorial interesouse polo traballo que se leva a cabo nesta unidade e gabou o bo facer das tres profesionais (unha logopeda, una psicóloga e unha terapeuta ocupacional) que atenden o servizo.

Durante a visita lembrou o despregue realizado pola Consellería de Política Social e Xuventude para ampliar estas unidades por todo o territorio co obxectivo de “achegar os servizos públicos a todas as galegas e galegos e favorecer a igualdade de oportunidades equilibrando as prestacións nos ámbitos rural e urbano”, indicou. Tamén sinalou como novidade da convocatoria o seu carácter plurianual. “Isto outórgalle aos concellos ou agrupacións de concellos beneficiarias máis facilidades para a súa posta en marcha xa que que garante unha maior seguridade financieira e reduce o papeleo para solicitar as axudas”, Indicou.

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, a Xunta financia actualmente dúas unidades de atención temperá: a do Concello das Pontes e a xestionada pola Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol. Neste último caso o investimento autonómico ascende a 267.879 euros para as tres anualidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023