A Xunta recibe 12 ofertas para executar a senda cara ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo itinerario do Milladoiro á Intermodal

Esta actuación, que suporá un investimento de preto de 1M€, correspóndese co itinerario de 1.130 metros no eixe Conxo-Hospital Clínico, entre o antigo túnel de Adif e o barrio de Santa Marta, unindo numerosos puntos de interese

A nova intervención divídese en tres subtreitos, unindo o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o disuasorio de Santa Marta; e logo ata a avenida da Liberdade

Trátase da terceira actuación no marco da creación do itinerario que conectará O Milladoiro, o hospital, a intermodal e o complexo de San Caetano, case 13 quilómetros que suporán un investimento global da Xunta de preto de 12 M€

A previsión é iniciar este mesmo ano as obras, xa adxudicadas, das novas sendas que unirán O Milladoiro a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

A Xunta recibiu un total de 12 ofertas de empresas para executar as obras do treito da senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo itinerario entre O Milladoiro e a estación intermodal.

Con esta actuación, que suporá un investimento de preto de 1 M€, habilitarase un itinerario de 1.130 metros, que permitirá a circulación de peóns, ciclistas non deportivos e vehículos de mobilidade persoal no eixe Conxo-Hospital Clínico.

Esta é a terceira actuación da Xunta no marco da creación do novo itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€.

En concreto, os dous primeiros tramos, cuxas obras xa foron tamén adxudicadas a principios deste mes de setembro, correspóndense co tramo da conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal; e o segundo treito, co itinerario desde a rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, ata San Caetano.

A previsión é iniciar este ano os traballos da nova senda entre O Milladoiro e a estación intermodal, cun prazo de execución de 18 meses, en coordinación coas do itinerario entre a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, cun prazo de execución de 15 meses.

Os novos itinerarios impulsan un percorrido exclusivo de novo trazado para peóns e ciclistas, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, e completaranse con este terceiro, de conexión do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Estas actuacións, cuxo trazado está consensuado do Concello de Santiago, son impulsadas ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

A senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario

Máis en concreto, a nova senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo itinerario entre O Milladoiro e a estación intermodal, comezará no antigo túnel de Adif e finalizará na avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta, nas proximidades do centro hospitalario.

Segundo o proxecto impulsado polo Goberno galego, este itinerario dividirase en tres subtreitos, conectando o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o aparcadoiro disuasorio de Santa Marta; e o terceiro ata a avenida da Liberdade.

Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública, vaise proceder á segregación do itinerario peonil e ciclista nos treitos nos que sexa viable, como son a conexión directa en baixada desde o itinerario do treito O Milladoiro-estación intermodal, e o treito comprendido entre o quilómetro 0+390 e 0+980.

Adaptarase o trazado na contorna do cruce sobre o río Sar, de xeito que o itinerario tanto peonil como ciclista aproveiten a pontella existente, suprimindo a pasarela prevista no proxecto de trazado sometido a información pública e evitando así a implantación dun novo itinerario na zona inundable deste río.

Atendendo ás suxestións presentadas polo Concello de Santiago, de reducir a ocupación nos ámbitos DM-2 e ZL-5 do Plan Parcial do SUP-6 de Santa Marta, tamén se vai axustar o trazado no treito final, eliminando a franxa verde de separación entre a beirarrúa e o carril bici.

Documentos relacionados

Data de actualización: 20/09/2023