A Xunta de Galicia recoñecerá no consello de comunidades galegas o labor de 19 entidades do exterior con máis dun século de vida

Representantes de 80 entidades galegas do exterior daranse cita a partir de mañá, xoves, en Ourense, para a celebración do XIII pleno deste órgano
 

Durante os días 22 e 23 abordarase, a través de catro relatorios, a situación actual da colectividade galega do exterior a través dos eidos cultural, social, de retorno e de galeguidade, achegando ideas e proxectos na busca de manter o traballo conxunto a favor da colectividade
 

A Secretaría Xeral da Emigración elixiu a capital ourensá como sede da celebración deste encontro pola súa estreita relación coa emigración á Europa, que tivo a esta cidade como epicentro da saída de Galicia a través do ferrocarril

 

Santiago de Compostela, 04 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia celebra a partir de mañá e durante os vindeiros tres días o XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas, que reunirá a representantes de 80 entidades do exterior en Ourense. O evento servirá, así mesmo, para recoñecer o importante labor de preservación e divulgación da cultura e tradicións galegas que 19 delas veñen levando a cabo desde hai máis dun século. O plenario centrará o seu traballo no papel da emigración no eido cultural e social, así como na aposta decidida polo retorno e a galeguidade. 

A Secretaría Xeral da Emigración elixiu nesta ocasión Ourense como sede da celebración deste encontro pola súa intensa e estreita relación coa emigración galega á Europa, que tivo a esta cidade como epicentro da saída de Galicia a través do ferrocarril, como a de América a tivo nos portos galegos.

 

O responsable deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que a celebración deste evento iniciarase mañá, xoves, co desenvolvemento da derradeira reunión de traballo da actual Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, encontro co que se pon fin ao seu mandato, iniciado na celebración do último pleno do Consello en 2019, e que dará paso a unha renovación do órgano integrado polos membros que resulten elixidos polo pleno.

A Comisión é o órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da Comunidade, e está conformado por doce entidades electas, catro representando aos galegos de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan aos galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. Como membro nato do organismo atópase a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.

 

Co obxectivo de realizar un traballo de contacto permanente coas comunidades galegas do exterior no que se analiza a situación na que se atopan estas colectividades, así como a aplicación dos diversos programas sociais que se están a levar a cabo para apoiar aos galegos con maiores necesidades, reúnese con carácter ordinario alomenos unha vez ao ano.

Traballo conxunto en prol da colectividade

O venres 22 será o día no que teña lugar a celebración do XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas, que será inaugurado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense. Os asistentes trasladaranse posteriormente ao balneario de Laias, onde se desenvolverán os relatorios que permitan analizar en profundidade a situación actual da colectividade e os campos nos que seguir impulsando a Galicia exterior.

 

A galeguidade, a cultura, o eido social e o retorno centrarán os relatorios do ente que representa a todos os galegos do exterior. Así, profundarase no papel que está a xogar hoxe en día o retorno á Comunidade de galegas e galegos residentes no exterior, tanto desde o punto de vista do dereito ao regreso a Galicia, da volta do talento e a experiencia galega como desde a importancia que pode ter ante o reto demográfico que está a afrontar Galicia.

O plenario tamén centrarase na relación entre a emigración e a cultura galega. Non en balde, as distintas comunidades no exterior constitúen un verdadeiro patrimonio cultural que convén seguir poñendo en valor. O terceiro relatorio centrarase na importancia das políticas sociais na procura de sumar esforzos entre entidades galegas para seguir impulsando proxectos de atención a favor das e os galegos do exterior en situación de maior vulnerabilidade.

 

E finalmente, no relativo á galeguidade, o Consello permitirá salientar, unha vez máis, o imprescindible papel que xogan todos os centros e casas galegas esparexidas polo mundo, tanto na conservación e transmisión da nosa cultura como no desenvolvemento de accións informativas para as distintas comunidades galegas. O obxectivo é abordar os retos que se teñen por diante no camiño conxunto que entidades e Goberno galego deben percorrer para dar resposta ás necesidades do século XXI.

 

O Consello rematará o sábado 23, cunha clausura que se desenvolverá no mesmo paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense e do que sairá, por votación de todos os membros do ente, da nova comisión delegada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023