O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria reuníronse con responsables da entidade

A Xunta e o clúster alimentario colaborarán nun programa de desenvolvemento do sector lácteo para mellorar a súa competitividade e posicionamento

Por parte da Consellería do Medio Rural valórase a proposta do clúster, que se considera perfectamente aliñada cos obxectivos da Estratexia de dinamización do sector lácteo

Como medidas concretas propóñense, entre outras, accións formativas e demostrativas, incluíndo a posta en marcha de granxas modelo, con visitas guiadas ás súas instalacións

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

A Xunta e o clúster alimentario de Galicia (Clusaga) colaborarán na posta en marcha dun programa de desenvolvemento do sector lácteo e agroalimentario da nosa comunidade. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, mantiveron unha reunión de traballo con responsables desta entidade para afondar nesta cuestión.

A xuntanza dá continuidade a outros encontros mantidos con anterioridade e supón un novo chanzo na cooperación entre a Consellería do Medio Rural e o clúster para impulsar esta iniciativa, que persegue, como obxectivo fundamental, mellorar a competitividade e o posicionamento do sector agroalimentario en xeral e do lácteo en particular.

Por parte da Xunta valórase a proposta do Clusaga, que se considera perfectamente aliñada cos obxectivos da Estratexia de dinamización do sector lácteo en aspectos como a necesidade de promover a remuda xeracional, mellorar a profesionalidade do sector produtor, impulsar a I+D+i e a profesionalización da industria ou fomentar a diferenciación e o consumo de produtos lácteos galegos. Tamén se procurará sensibilizar á sociedade sobre a importancia deste eido e mellorar a interlocución e a transparencia entre os diferentes elos da cadea, así como a transferencia de coñecemento ao sector.

Granxas modelo

A proposta do Clusaga, na que tamén participan a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias e a Organización Interprofesional Láctea (Inlac), detalla cada un dos contidos do programa consonte a diferentes fases de execución. Así, como medidas concretas, propóñense, entre outras, accións formativas e demostrativas, incluíndo a posta en marcha de granxas modelo, con visitas guiadas ás súas instalacións.

Tamén, percorridos por fábricas do sector e un reforzo á comunicación e sensibilización social arredor do consumo de produtos lácteos galegos. Nesta liña, fomentarase ademais a remuda xeracional no sector e porase en valor a preocupación ambiental que mantén este eido produtivo, xunto con actuacións para fomentar o consumo de lácteos entre os consumidores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2023