A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou na inauguración do programa en Camariñas

A Xunta fomenta a capacitación laboral de 15 mozos dos concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo

Realizarán estadías formativas en tres sectores estratéxicos: a tecnoloxía, o benestar e a moda

O Goberno galego destina 80.000 euros a estes tres concellos para promover o emprego entre a mocidade desta comarca

Camariñas (A Coruña), 19 de setembro de 2023

A Xunta fomenta a capacitación laboral de 15 mozos dos concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo a través do programa Xuventude Mentoring na Empresa. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou na inauguración deste programa na casa da Pedra de Camariñas.

Xuventude Mentoring na Empresa permite estadías formativas a mozos de entre 18 a 30 anos. Os concellos ou outras entidades sen ánimo de lucro poden presentar proxectos para axudar á mocidade. Estes tres concellos da Costa da Morte adheríronse á iniciativa e convocaron 15 prazas para estadías formativas en tres sectores estratéxicos: tecnoloxías da información e a comunicación, calidade de vida e benestar e téxtil e artesanía. Recibirán para a súa posta en marcha 80.000 euros.

Na achega inclúese unha bolsa de formación por mozo participante dun mínimo de 630 euros ao mes, que se podería incrementar en 100 euros por custos de desprazamento e outros 100 para os mozos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Ademais, os participantes contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas.

Nesta primeira edición do Xuventude Mentoring na Empresa aprobáronse 10 proxectos que implican a preto de 170 mozos de entre 18 e 30 anos anotados no Sistema nacional de Garantía Xuvenil, 69 empresas e 3 concellos. Esta iniciativa procura ser unha ampliación do programa Xuventude Mentoring, que vai na súa terceira edición e se centra na titorización e na mentorización de mozos e mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023