O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron hoxe o centro

A Xunta financia melloras na cuberta do patio interior e a instalación dunha pérgola na escola infantil pública de Tenorio

Destináronse máis de 30.000 euros a estas obras para que as familias usuarias do servizo dispoñan dunhas instalacións mellor adaptadas ás necesidades dos seus nenos

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 19 de setembro de 2023 As familias usuarias da escola infantil de Tenorio, pertencente á rede pública da Xunta de Galicia, contan este curso que acaba de iniciarse cun centro renovado tras as obras de mellora realizadas durante o verán. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron hoxe estas instalacións, nas que se acometeron actuacións por máis de 30.000 euros.

Perfecto Rodríguez explicou que se actuou, fundamentalmente, sobre a cuberta do patio interior e na zona exterior da escola. Así, na cuberta colocáronse novas placas para evitar filtracións ou humidades e no espazo exterior instalouse unha pérgola para protexer aos nenos e profesorado cando chove. Ademais, actuouse no equipamento interior con melloras nas portas do centro e na sala de caldeiras.

As obras correron a cargo do Concello e son financiadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a través das liquidacións que lle corresponde abonar á entidade local por este servizo público.

Un total de 39 nenos iniciaron o curso na escola infantil Tenorio. As familias, ao igual que aconteceu o ano pasado, non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que o Goberno galego mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da comunidade autónoma para o 100 % do alumnado.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023