O director do Instituto de Estudos do Territorio participou nunha xornada formativa organizada por Lugomadera

A Xunta pon en valor o papel do visor cartográfico para facilitar o traballo da industria madeireira

Enrique de Salvador explica que o obxectivo é saber, dunha forma rápida e sinxela, se as parcelas nas que se van levar a cabo cortas teñen algún tipo de afección

Lugo, 19 de setembro de 2023

A Xunta valora a información cartográfica recollida no visor desenvolvido polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), órgano dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para facilitar o traballo da industria madeireira.

Na clausura da xornada formativa Pílulas básicas sobre a información cartográfica e a súa aplicación aos aproveitamentos forestais, organizada por Lugomadera, o director do IET, Enrique de Salvador, explicou que os datos contidos no visor cartográfico permiten que as empresas madeireiras saiban, “dunha forma rápida e sinxela”, se as parcelas nas que se van levar a cabo cortas teñen algún tipo de afección que requira a solicitude dunha autorización previa.

Así, os mapas inclúen capas con información sobre as redes hidrográfica e viaria; os espazos con algún tipo de protección patrimonial, tanto cultural como natural, así como se está incluída no Dominio Público Marítimo Terrestre. De feito, segundo salientou o director do IET, o visor permite “homoxeneizar” as diferentes afeccións con independencia de quen sexa o órgano dependente.

Nesa liña, cómpre lembrar que o Instituto de Estudos do Territorio conta coa colaboración dos diferentes organismos, que, periodicamente, aportan os datos necesarios para que esta ferramenta cartográfica ofreza unha información actualizada que facilite a planificación da xestión forestal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023