A Xunta inviste preto de 320.000 de euros en axudas na provincia para mellorar as infraestruturas dos establecementos turísticos de restauración

O delegado territorial visitou o restaurante Casa Acuña, en Ons, que recibiu 50.000 euros para mellorar as súas instalacións

Reguera destacou o gran traballo dos hostaleiros e hostaleiras que contribúen a que Galicia sexa sinónimo de bo servizo, saber facer e calidade

Bueu  (Pontevedra), 19 de setembro de 2023

A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, investiu preto de 320.000 euros en axudas para a mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de restauración na provincia de Pontevedra. Estas axudas benefician a 44 empresas en toda Galicia, das cales case a metade están situadas nesta provincia.

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá Casa Acuña, un restaurante situado na illa de Ons que foi un dos grandes beneficiados por esta liña de axudas. O establecemento recibiu preto de 50.000 euros que foron destinados á renovación da segunda planta do local e a súa posta a punto de cara a temporada estival. 

Reguera percorreu, acompañado pola propietaria do local, o establecemento que nos últimos meses se encheu de turistas e visitantes. Alí conversaron sobre os resultados dunha campaña de verán que chega ao seu fin e que resultou ser moi positiva para a maioría do sector hostaleiro galego. “A xente ven a Galicia porque sabe que ofrecemos uns servizos de calidade. Dende o produto que servimos ata o traballo que realizan todas as persoas que se dedican á hostalaría e que, pese á súa dureza, seguen tratando aos visitantes como se estiveran na súa casa. Isto é algo de admirar e de agradecer, porque grazas a vos seguimos recibindo a millóns de visitantes cada ano, coa repercusión que iso ten”, sinalou o delegado territorial.

Canto ás axudas concedidas, Reguera lembrou o compromiso da Xunta co impulso do turismo en toda a comunidade autónoma, ofrecendo axudas directas aos empresarios para que poidan modernizar e optimizar un sector que non deixa de bater récords.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023