A Xunta sitúa Vigo como referencia para a promoción do turismo en Galicia e o seu porto como punto de recalada para os cruceiros

A delegada da Xunta en Vigo e o director da Axencia Turismo de Galicia visitaron este martes o village instalado no Paseo das Avenidas con motivo da chegada por primeira vez no mesmo día de cinco cruceiros
 

“Vigo xa é un referente para a promoción do turismo en Galicia, tal e como queda hoxe demostrado con cinco cruceiros que converten á cidade en punto de recalada para case 15.000 persoas”, destacou Ana Ortiz
 

“Con máis de 90.000 cruceiristas, Vigo volve establecerse como referencia na chegada dos grandes cruceiros", sinalou Xosé Merelles, quen avanzou que o segmento do turismo de cruceiros presenta “un comportamento moi positivo”
 

Galicia marca neste ano, cando menos ata o pasado mes de xullo, un máximo histórico de afluencia de pasaxeiros de cruceiros con 246 mil no conxunto da comunidade
 

Vigo, 19 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacaron este martes a importancia da cidade na promoción do impulso turístico da comunidad. Ambos os dous participaron, xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, nos actos programados con motivo da chegada, por primeira vez no mesmo día, de cinco cruceiros á cidade. 

“Vigo xa é un referente para a promoción do turismo en Galicia, tal e como queda hoxe demostrado con cinco cruceiros que converten a Vigo en punto de recalada para case 15.000 persoas”, destacou Ana Ortiz. Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor os excelentes datos na chegada de pasaxeiros no que vai de ano, acadando cifras récord que duplican aos ano pasado, cun máximo histórico de afluencia de pasaxeiros de cruceiros con 246 mil no conxunto da comunidade, destacando especialmente a chegada de cruceirista ao Porto de Vigo, que se incrementou nun 35%. "Con máis de 90.000 cruceiristas, Vigo volve establecerse como referencia na chegada dos grandes cruceiros", sinalou. 

Todo a fronte marítima da cidade viviu este martes o maior desembarco de pasaxeiros da súa historia coa chegada de ata cinco grandes buques. Todos eles atracaron en pleno centro da cidade, o que facilitou a operativa de embarque e desembarque dos máis de 10.000 pasaxeiros e preto de 5.000 tripulantes. 

Village no Paseo das Avenidas

A Xunta instalou no Paseo das Avenidas un “village para ofrecer un recibimento aos turistas que chegaron a través das terminais de cruceiros. No Peirao de Transatlánticos amarraron o “Anthem of the Seas” e o “Disney Dream”, mentres que no Tinglado o fixeron “Silver Moon”, o “Scenic Eclipse” e o “Ambition”). 

Así, o recentemente reformado paseo ofreceu animación tradicional galega, a posibilidade de degustar produtos procedentes das rías galegas grazas a dúas foodtrucks da campaña “Galicia sabe AMAR” da Consellería do Mar e diferentes carpas de Turismo de Galicia, Galicia Calidade e a Deputación de Pontevedra para promover a comunidade e as Rías Baixas entre os pasaxeiros e tripulantes. De igual forma, instalouse un photocall e os turistas que así puideron participar en sorteos a pé de rúa.

 Cifras moi positivas

Segundo explicou Xosé Merelles, nos primeiros sete meses deste ano 2023 o segmento do turismo de cruceiros presenta “un comportamento moi positivo” superando non só a cifra de pasaxeiros do mesmo período do pasado ano -nun 51%- senón toda a serie anterior á pandemia. 

Desta maneira marca neste ano, cando menos ata o mes de xullo, un máximo histórico de afluencia de pasaxeiros de cruceiros con 246 mil no conxunto da comunidade. Novamente son os portos de A Coruña e Vigo os que absorben a práctica totalidade do tráfico de cruceiros da comunidade, cun 61,5% do total para o primeiro e un 36,3% para este último.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023