O conselleiro do Mar asistiu á colocación do primeiro cartel que identifica unha batea como produtora de mexillón ecolóxico

As vendas de produtos do mar certificados con selo ecolóxico superan os 20 M€ en Galicia tras subir un 50 % en catro anos

O titular de Mar salienta que este tipo de produción está en auxe na comunidade posto que a sociedade demanda alimentos que acrediten que foron obtidos de xeito respectuoso co medio ambiente e apostando en todo momento pola sustentabilidade

Alfonso Villares subliña que a identificación das bateas co distintivo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia é unha das accións incluídas no convenio de colaboración asinado para 2023 pola Consellería do Mar e o organismo regulador

O Executivo galego remitirá en breve ao Parlamento o proxecto de Lei da calidade alimentaria para reforzar a posta en valor das bondades dos produtos alimentarios que se cultivan ou comercializan na comunidade

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 19 de setembro de 2023 O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe unha batea da ría de Arousa que é a primeira en contar cun distintivo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que a identifica como produtora de mexillón ecolóxico. Nese contexto, o titular de Mar salientou que a produción ecolóxica está en auxe en Galicia e que no caso dos produtos mariños aumentou preto dun 50 % nos últimos catro anos.

Alfonso Villares, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, subliñou que as vendas de conservas de peixe, de produtos de acuicultura e algas certificadas co selo do Craega pasaron de preto de 14 millóns de euros en 2018 a roldar os 21 M€ en 2022.

Esta tendencia, dixo, é o resultado dunha sociedade que cada vez demanda máis produtos da máxima calidade que ao mesmo tempo acrediten que foron obtidos de xeito respectuoso co medio ambiente e apostando en todo momento pola sustentabilidade.

Neste sentido, a identificación das bateas de produción ecolóxica co distintivo do Craega é unha das accións previstas no convenio de colaboración asinado para este ano entre a Consellería do Mar e o organismo regulador, un acordo que conta cun orzamento global de 80.000 euros aportados a partes iguais polos dous asinantes.

A idea é identificar todos os viveiros flotantes que cultivan mexillón de forma ecolóxica nas rías galegas -algo máis de 200- co obxectivo de dar visibilidade a esta modalidade de produción e poñela en valor ante o conxunto da cidadanía. Trátase dun xeito de obter alimentos, puxo en valor o representante da Xunta, baseado no respecto ao medio ambiente, no benestar animal e no mantemento e mellora dos mares, ríos e solos.   

Precisamente, o director de Agacal destacou que, para reforzar esas garantías, o Executivo galego remitirá en breve ao Parlamento o proxecto de Lei da calidade alimentaria de Galicia. Unha norma, sinalou, que servirá para actualizar o marco normativo co que dar a coñecer as bondades dos produtos alimentarios que se cultivan ou comercializan na comunidade e que busca que ditas producións alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía.

O consello regulador

O Craega naceu en 1997 e é o órgano encargado do control e certificación das producións ecolóxicas de Galicia. Trátase de alimentos da máxima calidade obtidos respectando o medio ambiente e conservando a fertilidade do chan mediante a utilización óptima dos recursos e sen recorrer a produtos químicos. Esta actividade conta cada vez con máis produtores e os seus alimentos teñen maior demanda porque os consumidores queren alimentos deste tipo, saudables, nutritivos e satisfactorios polas súas características organolépticas.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/09/2023