A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estivo hoxe en Cortegada para facer balance da época estival no Parque Nacional

A Xunta avanza que máis de 460.000 persoas visitaron as Illas Atlánticas durante a tempada de verán e prevé un novo récord de afluencia este ano

Ángeles Vázquez subliña que entre o 15 de maio e o 15 de setembro os catro arquipélagos rexistraron un 5,1 % máis de visitas que no mesmo período de 2022
 

Destaca que Cortegada, con 8.100 visitantes durante o verán, é a illa que rexistrou o maior incremento e salienta as actividades educativas e de voluntariado que se promoven ao longo de todo o ano para dar a coñecer a súa riqueza natural

Cortegada (Vilagarcía de Arousa), 19 de setembro de 2023 Máis de 460.000 persoas visitaron o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia durante a tempada alta de verán, que segundo se recolle no Plan reitor de uso e xestión deste espazo natural se estende cada ano do 15 de maio ao 15 de setembro.

Así o avanzou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou a illa de Cortegada para facer balance da afluencia rexistrada no Parque Nacional nestes últimos meses, así como dalgunhas das actividades e iniciativas nas que colaborou o seu departamento.

Ao balance estacional, cómpre sumar o feito de que desde xaneiro xa son máis de 480.000 as persoas que pasaron por algún dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional, polo que, de manterse este ritmo ata final de ano, a previsión é que se volva bater un novo récord de afluencia, como xa ocorrera en 2022, ao superarse as 490.000 visitas.

Nesta liña, a vicepresidenta salientou que os meses do verán seguen concentrando a maior afluencia ás Illas Atlánticas, cun incremento este ano do 5,1% respecto ás cifras do mesmo período do ano anterior e confirmando de novo a Cíes e Ons ao fronte da clasificación en canto ao número de visitantes —con 303.258 e 132.998 persoas, respectivamente—, seguidas de Sálvora, con 16.059. En todo caso, tal e como destacou Ángeles Vázquez, foi Cortegada, con 8.100 visitas rexistradas entre maio e setembro, a illa na que máis se incrementou este ano a afluencia, cunha suba do 19,1 %.

Esta tendencia indica un interese crecente polos arquipélagos tradicionalmente menos coñecidos, como é o caso de Cortegada, do que a vicepresidenta destacou tanto as actividades educativas como de voluntariado ambiental que se desenvolven todo o ano.

Ao respecto, lembrou que, precisamente, a pasada fin de semana unha decena de persoas de idades moi diversas coincidiron nesta illa para participar nunha das accións organizadas no marco do Programa de voluntariado ambiental interxeneracional, que en 2023 celebra a súa terceira edición consecutiva.

Promovido de forma conxunta polo seu departamento e a Consellería de Política Social e Xuventude, Ángeles Vázquez explicou que se trata dunha iniciativa que se desenvolve entre os meses de xuño e outubro en diversos espazos protexidos da Comunidade e que ten como fin promover actividades de carácter medioambiental a través da colaboración de voluntarios procedentes de diversos puntos de Galicia.

Neste sentido, puxo en valor o esforzo e a implicación de todos os participantes neste programa, no marco do cal este verán se organizaron 8 quendas de voluntariado —2 en cada arquipélago— nas que participaron 80 persoas, que baixo a supervisión de persoal do Parque Nacional realizaron labores de erradicación de especies invasoras, limpeza de praias e lixo mariño, reposición de sinais nas sendas peonís habilitadas e traballos de acondicionamento en lavadoiros, valados e outros elementos etnográficos.

Por último e xa de cara ao futuro, a vicepresidenta avanzou que o vindeiro mes de outubro a Xunta comezará unha actuación de retirada de eucaliptos en Cortegada que se verá completada nunha segunda fase coa plantación de especies arbóreas na illa como reforzo ao proceso de rexeneración natural da zona.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2023