O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura desta mostra no marco das máis de 70 accións de ocio en galego programadas no FalaRedes 2023

Chega a Ribeira a exposición Orgullo da nosa lingua, que reforza a promoción do galego entre a poboación

Tras o seu paso por Arteixo, poderá visitarse ata este domingo na praza do Concello da localidade barbanzá de forma libre ou con guía

Ademais, o público poderá acceder a premios como espectáculos, camisetas ou bolsas escaneando o QR dispoñible en cada unha das estruturas da mostra

Ribeira (A Coruña), 18 de setembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán en Ribeira na apertura da mostra itinerante Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir, impulsada pola Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023 co obxectivo de reforzar a promoción e o coñecemento da lingua galega entre todos os sectores da poboación. 

No acto de apertura na praza do Concello, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que esta mostra “quere resaltar non só o rica que é a lingua galega, senón tamén o feito de que é creación única dos galegos”. Nesta liña afirmou que a exposición “presenta o galego como o que é: unha lingua con pasado, pero tamén con futuro” e animou a todos os visitantes a que se apunten a falala para continuar transmitíndoa, enriquecéndoa e dándolle vida”. 

Tras a súa inauguración o pasado 11 de setembro en Arteixo, a mostra permanecerá en Ribeira ata este domingo 24 para visitala a calquera hora. Ademais, contará tamén cunha persoa dinamizadora, que guiará os visitantes e interactuará con eles mediante xogos e dinámicas de participación. O horario das visitas guiadas será o seguinte: luns, martes e xoves, de 16,00 h a 20,00 h, mércores de 10,00 h a 14,00 h, e venres e sábado de 10,00 h a 14,00 h e de 16,00 h a 20,00 h. 

Despois, seguirá a súa itinerancia por outros dous concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Marín, do 25 de setembro ao 1 de outubro, e Redondela, do 2 ao 8 de outubro. 

Toponimia, refraneiro, variedades

Orgullo da nosa lingua recolle algunhas das peculiaridades e trazos de identidade do noso idioma e da súa evolución co obxectivo de promover o galego entre todos os sectores da poboación. Composta por cinco grandes paneis de 1,70 metros de alto e de dúas caras, aborda temas como a riqueza toponímica de Galicia, a abundancia do noso refraneiro, as variedades dialectais, as numerosas palabras que temos para falar da chuvia ou as moitas formas diferentes de chamarlles aos mesmos peixes. 

Ademais, o público poderá acceder tamén a premios a través dun código QR dispoñible en cada unha das estruturas da mostra respondendo a un cuestionario sobre a lingua galega e entrando no sorteo de lotes sorpresa, que poderán incluír agasallos como entradas para espectáculos, camisetas, bolsas e moito máis. 

Toda a información sobre a exposición está dispoñible no Portal da Lingua Galega. 

Máis de 70 accións de dinamización lingüística

Esta actividade enmárcase na programación do FalaRedes 2023, que desde o seu comezo o pasado marzo promoveu máis de 70 accións de ocio en galego como espectáculos ou monicreques. Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo nela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2023