A Xunta abre mañá o prazo para que os concellos se acollan ás axudas para realizar programas de inclusión social

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta orde de achegas para o período 2023-2025, dotada de máis de 7,6 millóns de euros

Financiaranse programas dirixidos a facilitar a inclusión social e laboral de poboación xitana, inmigrante, persoas sen fogar e outras en risco de exclusión

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas destinadas a concellos para o desenvolvemento de programas de inclusión social e laboral de poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión. O orzamento desta orde supera os 7,6 millóns de euros para o período 2023-2025, o que supón un incremento do 22 % respecto da anterior convocatoria (2021-2023).

 

Con estes fondos, os concellos, agrupacións de concellos e mancomunidades poderán desenvolver programas dirixidos á formación básica e á mellora das condicións para o acceso ao emprego; actuación de mediación intercultural, programas de educación e apoio familiar e iniciativas de inclusión residencial destinadas a persoas sen fogar. Neste nova convocatoria, o prazo para executar as iniciativas que reciban subvención aumenta dos 22 meses da anterior ata os dous anos, coa intención de que os proxectos teñan unha maior seguridade e estabilidade financeira.

 

As entidades locais teñen un mes de prazo, a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Esta liña de achegas conta con financiamento nun 60 % do programa Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027.

Data de actualización: 18/09/2023