A Xunta convoca a través da AGASP 11 cursos de formación continua para o persoal dos servizos de emerxencias da comunidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas actividades incluídas no plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública para este ano
 

Seis dos cursos van dirixidos a persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais (GES), servizos municipais de protección civil e emerxencias
 

Outros cinco van destinados ás agrupacións de voluntarios de protección civil
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 11 actividades formativas dirixidas aos servizos de emerxencias da comunidade.  

En concreto, a través da publicación de hoxe convócanse, por unha parte, seis actividades formativas, aos efectivos dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias. Entre o 9 de outubro e o 21 de novembro celebraranse un curso básico de altura e módulos relacionados coa investigación causal de incendios, rescates na contorna urbana e intervencións con risco eléctrico, con vehículos especiais e en espazos confinados.  

Por outra banda, para o persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil, o DOG publica hoxe outros cinco cursos que se levarán a cabo entre o 11 de outubro e o 24 de novembro e están relacionados coa condución de vehículos todocamiño, a actuación con vítimas de xénero, o uso de Google Earth nos dispositivos de emerxencias, así como a colaboración do voluntariado de protección civil en dispositivos ante grandes concentracións humanas e a coordinación operativa en plans de emerxencias.  

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase dez días naturais. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp. (http://agasp.xunta.gal). A Academia publicará na súa web http://agasp.xunta.gal a relación de persoas seleccionadas para participar en cada un dos cursos. 

Estas actividades forman parte do plan de formación continua da AGASP para este 2023, con case 300 cursos para persoal de emerxencias con preto de 8.300 prazas. A Academia, no marco deste plan, inclúe outras accións formativas para actualizar os coñecementos dos profesionais dos corpos e forzas de seguridade que traballan en Galicia.   

 

Data de actualización: 18/09/2023