O presidente da Xunta participou na celebración do centenario da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín

Rueda enxalza a contribución das confrarías á creación de riqueza nas vilas costeiras e a facer Marca Galicia a través dos produtos do mar

Salienta o papel ao longo do tempo da entidade para impulsar o avance económico, social e cultural desta localidade de Porto do Son

Asegura que o traballo realizado desde 1923 permite que hoxe sexa un dos portos máis importantes de Galicia na pesca de cerco
 

Porto do Son (A Coruña),  16 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou esta mañá o papel das confrarías de pescadores na creación de riqueza nas vilas do litoral galego e na difusión da ‘Marca Galicia’ a través dos produtos do mar que levan o nome da comunidade por todo o mundo.  

O titular do Goberno autonómico, acompañado do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu á celebración do centenario da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, onde puxo en valor a contribución desta entidade ao avance económico, social e cultural desta localidade coruñesa. De feito, Rueda salientou que grazas ao traballo realizado pola confraría desde a súa fundación en 1923, Portosín é na actualidade un dos portos máis importantes de Galicia na pesca de cerco.  

Ademais, o presidente da Xunta subliñou a creación do selo Azul de Portosín, un certificado que acredita a calidade e frescura dos peixes (xardas, sardiñas, xurelos ou bocartes) que capturan os mariñeiros da zona a través de artes de pesca artesanal, o principal motor da economía deste porto coruñés. Grazas a esta campaña, Portosín dá a coñecer os seus produtos máis aló de Galicia e xa conta con empresas de pratos precociñados ou grandes superficies comerciais interesados neles. 

Homenaxe aos patróns maiores

A celebración do centenario da confraría de Portosín contou tamén cunha homenaxe aos 24 patróns maiores que estiveron á fronte da entidade ao longo da súa historia, desde Rogelio Roura -o primeiro en ocupar o cargo- ata o actual patrón maior, Isaac Gaciño. Rueda agradeceulles a todos o seu esforzo e compromiso na defensa dos intereses dos profesionais do mar da súa vila.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2023