A Xunta empraza as concesionarias a dispoñer con anticipación os reforzos necesarios para atender a demanda de transporte público derivada do inicio do curso

Este venres, primeiro do novo período lectivo, detectouse un incremento importante de usuarios nos servizos de autobús, xeneralizado en todas as provincias
 

A Dirección Xeral de Mobilidade requiriulle ás empresas que prevexan estes picos de demanda, con autobuses de reforzo para prestar axeitadamente o servizo e con vehículos con maior número de prazas
 

No transporte metropolitano da área da Coruña foron máis de 19.000 os usuarios do autobús este venres, un 32 % por enriba do previsto de media
 

No caso do corredor Ourense-Vigo, o servizo rexistrou preto de 180 viaxeiros, fronte aos 123 do ano anterior, que se tratou de atender habilitando catro autobuses
 

A Xunta continuará coa súa vixilancia sobre o transporte público autonómico para garantir que os servizos que se presten se adapten o máximo posible á demanda, especialmente ao inicio e remate da fin de semana
 

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2023.- A Xunta emprazou as empresas concesionarias do transporte público autonómico a dispoñer con anticipación e previsión os reforzos dos servizos necesarios para atender o aumento da demanda derivada do inicio do curso escolar.  

Este venres, coincidindo co comezo do período lectivo, detectouse un incremento importante de usuarios nos servizos de autobús, que foi xeneralizado en todas as provincias.  

Esta circunstancia xerou algunhas situacións de saturación, ante as que a Dirección Xeral de Mobilidade requiriulles ás empresas maior previsión para evitar que se repitan, coa disposición de reforzos, dotando máis vehículos para prestar axeitadamente o servizo e tamén vehículos con maior número de prazas.  

No transporte metropolitano da área da Coruña foron máis de 19.000 os usuarios que empregaron o autobús este venres, un 32 % por enriba da media. 

Tamén no caso das conexións en autobús entre Ourense e Vigo se rexistrou unha punta de demanda importante que se tratou de atender dispoñendo reforzos en ambos os sentidos: o servizo das 15,00 horas rexistrou preto de 180 viaxeiros para os que se dispuxeron catro autobuses. O ano pasado, no venres da primeira semana do curso, esta expedición rexistrou 123 pasaxeiros.  

A Xunta recomenda aos usuarios do transporte público que, na medida do posible e sempre que lles sexa factible, traten de reservar a súa praza con antelación a través dos dispositivos que as concesionarias teñen habilitados. 

A Xunta vén realizando un seguimento continuo do funcionamento do transporte público co fin de garantir a prestación duns servizos que dean resposta ás necesidades de mobilidade dos viaxeiros.  

Coincidindo co inicio do período lectivo, intensificará esta vixilancia, especialmente ao inicio e remate da fin de semana, para garantir a axeitada prestación dos servizos por parte das concesionarias, que deberán establecer os reforzos necesarios para responder de forma eficiente ás necesidades dos cidadáns. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2023