A Xunta colabora este verán nunha actividade para dar a coñecer a riqueza natural das Illas Atlánticas a través de visitas en kayak

A experiencia, que comezou no mes de xuño, permitiu que ao redor de 2.000 persoas explorasen xa recunchos inaccesibles con embarcacións doutro tipo, ademais de incluír aspectos formativos e de sensibilización por parte dos guías do Parque Nacional

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2023

A Xunta colabora este verán nunha actividade educativa para que os visitantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia poidan descubrir a través de visitas en kayak a riqueza natural deste entorno de xeito sostible e diferente.

A actividade comezou a desenvolverse a comezos do mes de xuño e estenderase ata finais de setembro, sempre que o tempo acompañe, e ata o momento xa contou con ao redor de 2.000 participantes —1.000 en Cíes, algo máis de 400 en Cortegada, máis de 200 en Ons e ao redor de 150 en Sálvora—.

Entre os visitantes deste ano cómpre destacar a ampla presenza internacional, con persoas procedentes de Brasil, Italia, Alemaña, Arxentina, Venezuela, Estados Unidos, Vietnam ou China, entre outros países.

Ademais da propia ruta en kayak, a iniciativa inclúe tamén aspectos educativos, formativos e de sensibilización ambiental impartidos de guías especializados que permiten aos participantes coñecer detalles dos fondos mariños a e importancia do parque. Neste sentido, ademais de gozar dunhas vistas únicas das illas, os visitantes poderán descubrir o valor cultural e natural deste espazo protexido.

Cómpre lembrar que os ecosistemas mariños son fráxiles e esenciais para a saúde dos océanos, e a exploración en canoa é unha vía sostible para percorrelos sen causar ningún dano ao medio natural. Por esta razón é importante impulsar actividades que, como esta, promovan a súa conservación a través do coñecemento e a divulgación científica.

Ademais, o percorrido por mar ofrece unha vista privilexiada dos fondos rochosos dos arquipélagos que compoñen o Parque Nacional. De feito, se non é a través dunha embarcación tipo kayak ou similar, dificúltase moito a observación das comunidades de bosques de algas pardas que, como é o caso da Saccorhiza polyschides, conforman un hábitat vital para unha ampla variedade de seres vivos mariños.

Data de actualización: 16/09/2023