A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nos actos de celebración do Día de Galicia en Asturias

Ángeles Vázquez enxalza os lazos históricos de irmandade entre Galicia e Asturias

Subliña que ambas comunidades comparten tamén unha biodiversidade e un patrimonio natural únicos en España

Oviedo, 17 de setembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enxalzou hoxe “os lazos históricos de irmandade” entre Galicia e Asturias e puxo en valor que a proximidade que sempre existiu entre ambas comunidades se ten consolidado como “un sentimento de cooperación e entendemento recíproco que debemos seguir mantendo e transmitindo aos nosos descendentes”.

Durante o acto de entrega de insignias ao presidente de Hotusa, Amancio López Seijas, e a Ramiro Fernández Alonso, que durante 30 anos foi perruqueiro da selección española de fútbol masculina, enmarcado na celebración do Día de Galicia en Asturias, Ángeles Vázquez salientou que os galardoados desta edición son o perfecto exemplo de persoas que, “sen perder os vínculos co seu territorio de orixe, superaron todas as fronteiras coa súa prolífica traxectoria”.

A maiores, a vicepresidenta segunda, ademais de gabar o labor da Asociación Día de Galicia en Asturias, que se encarga de desenvolver actividades e iniciativas que reforzan aínda máis os “lazos sociais, culturais e económicos que nos unen”, subliñou que ambas comunidades comparten tamén unha biodiversidade e un patrimonio natural únicos en España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2023