A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou esta experiencia piloto que se desenvolverá en 42 liñas de autobús nestes municipios

A Xunta bota a andar en Ferrol, Narón e Neda a Xente Nova no móbil para facilitar o uso do transporte público gratuíto aos mozos

Vázquez Mourelle explica que este proxecto, aberto como proba a 200 dos preto de 10.000 mozos destes tres concellos que teñen a tarxeta Xente Nova, estará 3 meses en probas, período no que se comprobará a súa efectividade e acollida

A nova aplicación Xente Nova no móbil, dispoñible para os dispositivos Android e Apple, elimina a necesidade da tarxeta física, de ter saldo e da recarga no caixeiro

A conselleira avanza que na primeira metade do vindeiro ano, a Xente Nova no móbil poderá ser usada polos máis de 150.000 menores de 21 anos que xa viaxan gratis coa tarxeta física

Lembra que este dispositivo permite ás familias aforros de ata 1.000€ ao ano e a media mensual de aforro en 2023, en total, ascende a case medio millón de euros

Remarca que a Xunta destina 100M€ cada ano para que Galicia teña un transporte público de calidade para todos, o que significa un investimento de 300.000 euros ao día

Recorda que a Xunta seguirá reivindicando ante o Goberno poder sumar Ferrol á intermodalidade, ao Eixe Atlántico ferroviario, e ao Corredor Atlántico Noroeste, implementando a conexión Lugo-A Coruña-Ferrol
 

Ferrol, 15 de setembro de 2023

A Xunta botou hoxe a andar en Ferrol, Narón e Neda a tarxeta Xente Nova no móbil para facilitar o uso do transporte público gratuíto aos mozos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe esta experiencia piloto co obxectivo de dar un salto na modernización do transporte público e facilitar aínda máis o seu uso á xente moza. No acto participaron o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro; o xerente de Proxectos da Amtega, Pablo Ferreira; e o delegado de Alsa en Galicia, Daniel López.

Ethel Vázquez explicou que se elixiron estas liñas de transporte, un total de 42 nas que a empresa Alsa presta o servizo, para a proba piloto aproveitando que teñen mais emprego da tarxeta.

Indicou que este proxecto, aberto a 200 dos preto de 10.000 mozos destes tres concellos que dispoñen da tarxeta Xente Nova, estará 3 meses en probas, período no que se comprobará a súa efectividade e acollida.

A nova aplicación Xente Nova no móbil, que está dispoñible tanto para os dispositivos Android como para Apple, elimina a necesidade da tarxeta física, de ter saldo e da recarga no caixeiro.

A titular de Infraestruturas avanzou que a Xunta está traballando para estender o uso da tarxeta Xente Nova no móbil, primeiro, a todas as liñas e mozos menores de 21 anos deste contrato de transporte, e logo ás 3.500 liñas que conforman o transporte público autonómico.

Concretou que o obxectivo é que ao longo da primeira metade do vindeiro ano, a Xente Nova no móbil poida ser empregada polos máis de 150.000 menores de 21 anos que actualmente teñen a tarxeta física coa que viaxan de balde no transporte público autonómico por toda Galicia.

Lembrou que esta tarxeta supón un aforro importante para as familias, que pode acadar os 1.000 euros ao ano. A media mensual de aforro neste ano 2023, en total, ascende a case medio millón de euros. 

Aposta polo transporte público

Ethel Vázquez presentou hoxe esta iniciativa, aproveitando a oportunidade de que entre o 16 e o 22 de setembro se celebra a Semana europea da mobilidade, baixo o lema “Combina e móvete” e tendo como tema fundamental este ano a “eficiencia enerxética”.

Fixo fincapé na aposta sen precedentes da Xunta polo transporte público, que supuxo renovar as 3.500 liñas de transporte interurbano, facendo que o autobús chegase a onde antes non chegaba; modernizar as infraestruturas e facilitar a intermodalidade; e implentar un paquete de incentivos económicos directos que levaron a incrementar o seu uso.

Sinalou que a través das tarxetas de Transporte Público de Galicia os usuarios desfrutan desde hai anos de importantes descontos no prezo dos billetes e, desde hai máis dun ano e ata finais de 2023, de bonificacións que chegan ao 50%.

Remarcou que a Xunta destina 100 M€ cada ano a que Galicia teña un transporte público de calidade, útil e accesible para todos, o que significa un investimento de 300.000 euros ao día.

Subliñou, ademais, que a Xunta seguirá reivindicando ante o Goberno de España  sumar a Ferrol á intermodalidade, ao Eixe Atlántico ferroviario e  ao Corredor Atlántico Noroeste, implementando a conexión Lugo-A Coruña-Ferrol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023