A Xunta mellora o firme da PO-400 ao seu paso polos concellos das Neves, Arbo e Crecente cunha actuación de preto de 3 M€

O delegado territorial lembrou que a seguridade viaria é unha prioridade para o Goberno autonómico e por iso traballa para manter as vías nas mellores condicións posibles
 

As obras tamén contemplan a substitución das marcas viarias e a reposición da pintura da calzada
 

Crecente (Pontevedra), 15 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Crecente. Tras o recibimento na Casa do Concello, o delegado visitou, xunto ao alcalde, a PO-400, onde a Xunta está a desenvolver unha actuación de mellora do firme. A dita actuación beneficia tamén aos concellos de Arbo e As Neves e conta cun investimento da Xunta de ao redor de tres millóns de euros.  

A obra está a reparar o firme mediante fresado e reposición das zonas que se atopaban deterioradas. Os operarios retiraron o firme deteriorado e instalaron un novo dun espesor de preto de cinco centímetros. Ademais, a actuación contempla o acondicionamento das interseccións arredor dos PQ 13+910 e 17+500 coa incorporación dun carril central que facilite os desvíos. Por outro lado, repararánse distintos puntos da sección transversal, o que permitirá mellorar a drenaxe da vía.

Durante a súa visita, Reguera lembrou que a Xunta traballa en base a inspeccións previas e ten o compromiso de manter as vías das que é titular nas mellores condicións posibles. “É unha cuestión de seguridade viaria, que para nós é moi importante. Por iso o bo estado das vías é unha prioridade”, asegurou.

Os traballos tamén contemplan a substitución das marcas viarias e a reposición da pintura da calzada, así como os símbolos e cebreados en todo o tramo. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023