A Xunta iniciará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes da estrada OU-101 en Ourense e avanzará nas actuacións en marcha en vías das 4 provincias

Proseguirán as tarefas en execución nas marxes da autovía AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño, e na vía de altas prestacións CG-1.5, en Brión e Noia

Na provincia de Lugo continuarán as intervencións na LU-540, nos municipios de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade; e en Ourense, na OU-902, no Carballiño e no Irixo

En Pontevedra, avanzarán as intervencións na AG-46, que une Moaña e Cangas; na vía de altas prestacións que comunica Cangas e Bueu; e na do Morrazo
 

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2023

A Xunta iniciará a vindeira semana novos traballos de limpeza na estrada OU-101 en Ourense e avanzará nas actuacións que ten en marcha en vías autonómicas das catro provincias.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade proseguirá cos traballos en execución nas marxes da autovía autonómica AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño, e na vía de altas prestacións CG-1.5, en Brión e Noia.

Na provincia de Lugo proseguirán as intervencións na LU-540, ao paso polos municipios de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade; así como na vía de altas prestacións que comunica San Cibrao (LU-862) e Celeiro (LU-862).

Na provincia de Ourense, continuarán os traballos na estrada OU-902, ao paso polos concellos do Carballiño e do Irixo.

En Pontevedra, avanzarán as intervencións nas marxes da AG-46, que une Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na do Morrazo (CG-4.1.).

Ademais destes traballos de limpeza nas marxes, a vindeira semana tamén se acometerán tarefas de axardinamento na glorieta da estrada PO-530, en Vilanova de Arousa.

Control de biomasa

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2023