A Xunta pon en marcha este luns a campaña anual de avaliación da calidade dos servizos do transporte público autonómico na que se potencia a participación cidadá

A nova campaña terá unha duración de 7 semanas e permitirá coñecer a valoración do transporte público autonómico por parte dos usuarios

Realizaranse máis de 13.000 enquisas nos autobuses para determinar a percepción dos usuarios da calidade do servizo, que tamén poderán deixar a súa valoración a través do portal www.bus.gal.

A técnica do cliente misterioso fará posible a avaliación da prestación do servizo de preto de 1.800 expedicións
 

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2023

A Xunta pon en marcha este luns, día 18 de setembro, a campaña anual de traballos de campo dirixida a avaliar a calidade do transporte público interurbano autonómico, campaña na que se potenciará a participación cidadá.

Esta iniciativa enmárcase no esforzo do Goberno galego por coñecer a percepción da calidade dos servizos de autobús en toda a comunidade, con campañas de avaliación que vén realizando desde o ano 2021.

Estes novos traballos, que terán unha duración de 7 semanas, incluirán enquisas aos usuarios, non usuarios e centros escolares con transporte integrado, xunto con observacións anónimas seguindo o modelo de cliente misterioso.

O obxectivo principal desta campaña é coñecer a valoración do transporte público por parte dos usuarios. Para tal fin, realizaranse 13.200 enquisas a bordo dos autobuses e tamén nas paradas. Estes cuestionarios permitirán coñecer o perfil dos usuarios do transporte público autonómico e a utilidade que lle brindan aos servizos, e definir a súa satisfacción, segundo os distintos criterios de calidade identificados.

Ademais, a maiores das enquisas presenciais previstas, reforzaranse as canles de participación, de tal maneira que a cidadanía poderá deixar a súa valoración a través do portal www.bus.gal.

Por outra banda, outro dos propósitos destes traballos de campo é a obtención dunha valoración de carácter obxectivo con 1.793 observacións realizadas atendendo a técnica do cliente misterioso por persoal formado a bordo dos autobuses, que tamén avaliará os servizos baixo demanda. Estas intervencións estarán dirixidas a comprobar o cumprimento da oferta e dos indicadores de calidade que caracterizan o servizo.

Co fin de coñecer con precisión a situación da prestación en toda Galicia, a planificación dos traballos asegura a realización de enquisas e observacións anónimas distribuídas a nivel territorial e por concesión, segundo o seu peso no cómputo global dos servizos.

Adicionalmente, a campaña incorpora a realización de 459 enquisas aos centros de ensino que contan con transporte compartido coa finalidade de determinar a calidade percibida e a súa valoración sobre o uso.

Esta investigación completarase con 400 enquisas de carácter telefónico a non usuarios do transporte público interurbano da Xunta. Deste xeito, coñeceranse os principais motivos polos que non se opta polo autobús para realizar os desprazamentos habituais.

Proba piloto

Ademais, tamén este luns, porase en marcha unha proba piloto nas liñas Santiago estación intermodal - Lestrove - Bures - Ribeira estación de autobuses; e Ribeira estaciónde autobuses - Noia estación de autobuses, da concesión da comarca do Barbanza, co fin de identificar posibles problemáticas no estudo, comprobar o funcionamento dos cuestionarios e poder acometer axustes previos ao inicio dos traballos en toda a comunidade.

A información recadada nos traballos de campo resultará de grande utilidade para analizar a evolución de cada un dos indicadores de calidade ao longo do tempo, pero tamén poderá ser decisiva na tarefa de optimización continua do servizo de transporte público interurbano que vén realizando a Xunta.

En liña cos pasos dados ata o momento, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade potenciou actuacións coma os avances na activación do sistema SAEGAL, que permite ofrecer información en tempo real aos usuarios ou confirmar a regularidade de paso polas paradas dos autobuses.

 

Esta campaña anual de traballos de campo complementa a tarefa de seguimento e mellora continua do transporte público interurbano que mantén o departamento que dirixe Ethel Vázquez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2023