Xunta e Foroesgal avanzan na proxección da economía social como fórmula de éxito en Galicia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nunha xuntanza co Foro da Economía Social Galega (Foroesgal)

Puxo en valor o traballo conxunto entre o Goberno galego e as entidades para o deseño da nova Estratexia da Economía Social e da Lei de Cooperativas, un marco que impulsará a entrada de máis mulleres e persoas mozas nestas iniciativas
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantivo hoxe un encontro con representantes de cada unha das familias que integran o Foro da Economía Social Galega (Foroesgal) para avanzar en futuras colaboracións e proxectos para impulsar esta fórmula económica de éxito en Galicia, que supón o 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade.

Os representantes de Foroesgal, Espazocoop, Aeiga, Agaca, Cegasal e Aesgal -que representan no foro a diversidade das fórmulas da economía social como centros especiais de emprego, cooperativas, empresas de inserción laboral e sociedades laborais da comunidade- puxeron en valor o traballo conxunto que administración e entidades están a desenvolver no deseño da Estratexia da Economía Social en Galicia.

Este marco de referencia apoiará, de xeito transversal, o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, da xestión de residuos, agroalimentario de proximidade, economía dos coidados e industrias culturais. Seguirá a impulsar a presenza feminina na economía social e a profesionalización destas actividades, tamén incluirá medidas para facer que este modelo resulte atractivo á mocidade.

Xunto coa nova Lei Galega de Cooperativas, que se atopa en proceso de actualización, Xunta e Foroesgal puxeron en valor o traballo conxunto para seguir a difundir os valores da economía social como modelo baseado na solidariedade, na democracia ou a na sustentabilidade.

Galicia, lembraron, é a primeira comunidade en canto á reserva dos contratos, un mecanismo que permite ás administracións establecer que nos seus procesos de licitación participen de xeito exclusivo empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social. Xunta e entidades avogaron pola implementación desta medida nas entidades locais.

Na xuntanza, Elena Rivo tomou nota das inquedanzas e suxestións dos integrantes de Foroesgal para avanzar na proxección desta fórmula económica que encaixa á perfección coa idiosincrasia galega e preconiza os valores do traballo colaborativo e respectuoso co medio ambiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023