A delegada territorial participou esta mañá na Delegación territorial na presentación do festival de ilusionismo

Martina Aneiros destaca o apoio de Turismo de Galicia ao festival ‘Galicia Ilusiona’ que chegará a Ferrol o próximo mes de outubro

A programación inclúe espectáculos de maxia itinerante na praza de Armas o 1 de outubro, a Gala Internacional no teatro Jofre o día 8 e unha actuación na unidade de pediatría do CHUF para nenos hospitalizados

Ferrol, 14 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na Delegación Territorial na presentación da segunda edición do festival de ilusionismo Galicia Ilusiona que, co patrocinio de Turismo de Galicia, traerá a Ferrol a algúns dos mellores ilusionistas do panorama nacional e internacional.

Durante a presentación, os directores do festival, Dani Polo e Pedro Bugarín, informaron dos pormenores da programación que chegará á cidade naval o próximo 1 de outubro cun espectáculo de maxia itinerante na praza de Armas que ofrecerá actuacións gratuítas de 20 minutos para audiencias reducidas. O prato forte do programa será a Gala Internacional de Maxia que terá lugar o 8 de outubro no teatro Jofre (haberá pases ás 18,00 e 20,30 horas) e, como adiantou a delegada territorial, “ten practicamente esgotadas as entradas”. Nela actuarán o campión mundial de maxia Miguel Muñoz; o especialista en maxia de gran formato, Amadeo Edama; o Dúo Kybalion (Arxentina e Rusia); a maga venezolana Dania Díaz, e Paul Ponce, de Arxentina.

Aneiros informou de que na programación deste ano tamén está planeada unha actuación na unidade de pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) que permitirá que os nenos hospitalizados tamén desfruten dunha “xornada máxica”.

A representante da Xunta destacou o importante apoio que se ten dado desde a Xunta Galicia a este evento que o ano pasado chegou a máis de 50.000 espectadores. “Festivais como o Galicia Ilusiona non fan senón seguir incrementando os atractivos de Ferrolterra e o potencial turístico de Galicia e neste obxectivo común sempre encontrarán a man tendida da Xunta de Galicia”, indicou.

Ademais de poñer en valor o traballo dos organizadores, Aneiros agradeceu ao concelleiro de Marca Ferrol, Arán López, tamén presente na comparecencia, a boa disposición do Concello á hora de albergar os espectáculos e avogou, unha vez máis, pola colaboración entre administracións, como “mellor fórmula” para sacar adiante temas de interese para a cidade, neste caso dende o punto da promoción turística e de eventos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2023