A Xunta destaca o papel de galardóns como os Tuna Awards para recoñecer a aposta decidida da industria do atún pola innovación

Vigo, 13 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu hoxe en Vigo á segunda edición dos Tuna Awards, uns galardóns que entrega Anfaco-Cecopesca e que teñen como obxectivo poñer en valor o sector atuneiro e recoñecer a súa aposta decidida pola innovación. Este acto, o primeiro dos vencellados coa XI Conferencia Mundial do Atún que se celebra entre mañá e o venres en Vigo, pretende enxalzar a vontade continua das empresas da industria transformadora de produtos do mar de mellorar os seus equipamentos e a súa produtividade, o que lles fai ser máis competitivas nun mercado cada vez máis global.

As empresas finalistas destacan polo seu traballo en favor da I+D+i aplicada ao sector do atún. Na categoría Transición Azul as tres que optan ao galardón son Atunlo, pola súa innovadora planta de aceite neutralizado en O Grove; Satlink, polo seu proxecto ReCon, que aplica a economía circular a boias recuperadas no océano; e Bermeo Tuna World Capital, pola iniciativa Bermeo Tuna Forum, un foro internacional de debate e reflexión sobre a sustentabilidade na actividade atuneira. Na categoría Revolución 4.0 as empresas finalistas son Marine Instruments, por Tunadrone, un proxecto de vehículo aéreo non tripulado solar para a pesca de atún a banco libre; Group CLS, polos seus mapas de micronecton para a sustentabilidade das pesqueiras de atún tropical; e Marexi, polo seu T-Clean, un sistema automático para o pelado de atúns.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/09/2023