A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia

A Xunta rexeita “de forma taxativa e contundente” as falsas acusacións sobre filtracións nas visitas de inspección

Defende a confidencialidade da programación das visitas á que soamente ten acceso o persoal inspector e funcionarios de carreira

Asegura que as críticas sobre o labor de inspección son totalmente infundadas, carecen de calquera veracidade e fanse sen ningún tipo de proba

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, rexeitou hoxe, “de forma taxativa e contundente”, que se avise previamente aos centros de servizos sociais das datas das visitas dos inspectores, asegurando que son totalmente infundadas, carecen de calquera veracidade e fanse sen ningún tipo de proba. Fabiola García sinalou que estas falsas acusacións non se poden tolerar porque desacreditan sen evidencia ningunha o traballo do servizo de Inspección.

 

Nunha comparecencia no Pleno do Parlamento de Galicia, a conselleira defendeu a absoluta confidencialidade da planificación das visitas de inspección, á que soamente ten acceso o persoal inspector e funcionarios de carreira que forman parte do equipo de inspección. Así mesmo, considerou de moi graves e dunha enorme irresponsabilidade as acusacións sen probas porque xeran inseguridade aos usuarios dos centros e ás súas familias.

 

Ademais, a conselleira defendeu a importancia que ten o traballo da Inspección de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, ao tratarse dun servizo público fundamental que sustenta a calidade dos centros e das actividades das que fan uso moitos galegos. Neste sentido, apuntou que neste ano xa se superaron as mil visitas, que derivaron en expedientes cando así o consideraron oportuno os inspectores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023