O conselleiro do Medio Rural contestou unha pregunta no Pleno sobre a cooperación coas entidades locais nesta materia

A Xunta aposta pola colaboración institucional como unha potente ferramenta na loita fronte os lumes forestais

José González lembrou a necesidade desta cooperación que mesmo foi trasladada polos expertos designados polo propia Cámara para mellorar neste eido

Trasladou as melloras continuas introducidas nos últimos anos nos convenios asinados coas distintas entidades locais en materia de prevención e defensa contra incendios

Recordou os 40 millóns de euros destinados nos últimos anos grazas ao convenio coa Fegamp e a empresa pública Seaga

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, amosou hoxe no pleno do Parlamento a súa firme crenza na colaboración institucional como ferramenta na loita contra os incendios forestais. En resposta a unha pregunta sobre este tema, González apostou por continuar cooperando neste eido co resto das administracións -locais e provinciais-, e con todas as deputacións.

 

Nesta mesma liña, o titular de Medio Rural salientou que, ata o momento, a única deputación que colaborou coa Xunta nesta materia foi a de Ourense. Neste sentido, recordou o informe dos expertos designados polo Parlamento no que -dixo- se trasladaba claramente a necesidade de participación por parte das deputacións no financiamento das brigadas municipais.

 

En relación con este asunto, o conselleiro trasladou as melloras continuas introducidas nos últimos anos nos convenios asinados coas distintas entidades locais. Así, puxo en valor o aumento da dotación económica, de forma que, nas brigadas de cinco compoñentes, o orzamento medrou preto do 40% entre os anos 2021 e 2023, pasando de 27.000 a 38.000 euros.

 

Neste sentido, lembrou o convenio de protección das aldeas firmado no ano 2018 coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a entidade pública Seaga que nos últimos cinco anos investiu máis de 40 millóns de euros en prevención e extinción de incendios. Algunhas das actuacións enmarcadas neste acordo, son os plans municipais de extinción e prevención, a comprobación das faixas secundarias arredor das aldeas, as execucións subsidiarias e outras tarefas de prevención feitas polos 35 tractores dispoñibles grazas a este convenio.  

 
 

Novas actuacións subvencionables

Tamén, destacou a posta a disposición de novas actuacións subvencionables, así como o incremento de prezos unitarios nos traballos preventivos das brigadas. Nesta liña, subliñou que este ano engadiuse a posibilidade de realizar a inspección do estado de xestión da biomasa nas franxas secundarias, no marco do convenio de protección das aldeas, a un prezo de 12 euros a parcela. A maiores, o conselleiro remarcou que se incrementaron tamén os prezos unitarios de roza manual.

 

Por outra banda, José González indicou que se simplificou de xeito extraordinario a documentación a aportar polos concellos e que tamén se ampliaron as titulacións admitidas para o posto de xefe de brigada. A maiores, sinalou o conselleiro, reforzouse a formación para os compoñentes das brigadas e condutores de vehículos motobomba.

 

Dispositivo ben estruturado

Como conclusión, o conselleiro advertiu que Galicia xa conta cun dispositivo anti incendios suficiente e ben estruturado, no que se inclúen as brigadas municipais. Tamén, que Galicia xa acerta coas medidas transversais a curto, medio e longo prazo, buscando a mellora continua. E que Galicia xa posúe unha estratexia decisiva fronte o lume pola vía da xestión sustentable do territorio, mesmo de xeito máis decisivo coa futura Lei integral contra os incendios forestais.

 

Precisamente, José González finalizou a súa resposta animando unha vez máis a aproveitar esta normativa -en tramitación- para acadar un pacto común cos grupos parlamentarios que permita despolitizar unha loita contra o lume que, remarcou, “é compartida”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023