Ethel Vázquez salienta que 5 novos concellos solicitaron que a Xunta asuma a xestión das súas depuradoras

 Vázquez Mourelle precisa que en breve haberá que renovar os convenios polos que Augas de Galicia vén xestionando 27 depuradoras municipais, como en Cambados, onde o Concello xa se amosou partidario de manter a colaboración

Lembra que o saneamento, o abastecemento e a depuración son competencias dos concellos, pero a Xunta, consciente das dificultades que teñen para xestionar estes servizos, está a prestarlles apoio a través da Lei do ciclo integral da auga
 

Recorda que este modelo de xestión, cuxa adhesión é voluntaria para os municipios, non leva aparellado taxas nin suba dos recibos, que son emitidos polos municipios
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que cinco novos concellos solicitaron xa que a Xunta asuma a xestión das súas depuradoras.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade detallou no Parlamento que desde a entrada en vigor da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, foron cinco novos municipios os que solicitaron que a Xunta se faga cargo das súas infraestruturas hidráulicas municipais ou da prestación d servizos municipais da auga.

 

Incidiu, ademais, que en breve haberá que rescindir ou renovar moitos dos convenios polos que Augas de Galicia xa vén xestionando 27 depuradoras municipais. Neste sentido, lembrou que algúns municipios, como o de Cambados, xa se amosaron partidarios de manter esa colaboración para que sexa a Xunta quen xestione as súas estacións de tratamento de augas residuais.

 

Lembrou que son os concellos os que teñen asignadas por lei as competencias de saneamento, abastecemento e depuración. Aínda así, a Xunta, dixo, consciente das dificultades de moitos municipios para xestionar as súas competencias en materia de augas, impulsou a aprobación da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga para prestarlles apoio, tanto técnico como económico.

 

Explicou que a Lei aposta por profesionalizar a xestión, regulando, ampliando e estendendo a colaboración da Xunta aos concellos nas súas competencias hidráulicas.

 

Fixo fincapé en que este modelo voluntario ao que se poden adherir os municipios non crea novas taxas nin leva aparellada a suba dos recibos, que son emitidos polas administracións locais. Citou como exemplos que cando os Concellos de Viveiro, do Grove ou de Vigo decidiron subir o seu recibo da auga, non existía a Lei da Xunta.   

 

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade apelou á responsabilidade dos concellos, xa que “cando se xestiona ben, afórranse moitos cartos”.

 

Resaltou a necesidade de que os municipios, co apoio das axudas autonómicas, revisen as redes de abastecemento e identifiquen fugas, pois de media pérdese o 40% da auga e ata 60%.

 

Incidiu, ademais, na necesidade de que separen as augas residuais das pluviais e de que revisen a súa rede de colectores, para que non haxa vertidos e evitar a chegada de augas brancas ou do mar ás depuradoras, xa que isto provoca ineficiencias e elevan innecesariamente os custos da depuración.

 

Tamén reclamou maior dilixencia e criterios máis claros e únicos ao organismo estatal de Costas, que demora durante anos as autorizacións, poñendo en risco ou obstaculizando, directamente, actuacións imprescindibles para as rías.

 

O Goberno galego leva acometido desde 2009 actuacións hidráulicas que supuxeron máis de 1.100 M€ de investimento e que segue a traballar no impulso de intervencións que comezarán en breve, como o saneamento do río Lameira, en Marín; a depuradora de Sada; o colector do río Sardiña en Ferrol para culminar o saneamento da Malata; a potabilizadora e a depuradora de Noia; a depuradora de Foz; ou o novo colector de Burela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023