A delegada da Xunta supervisa as obras de humanización e seguridade da estrada PO-330 entre Pereiró e Valadares

Ana Ortiz fixo unha visita aos traballos xa finalizados da nova rotonda de acceso ao Centro Cultural e Veciñal de Valadares e ao novo vial á escola infantil Monte Alba

Vigo, 13 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, supervisou este mércores o avance das obras de mellora da PO-330, a estrada Vigo-Vincios, no cruce situado á altura do Centro Cultural e Veciñal de Valadares. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste un total de 1,8 millóns na humanización e mellora da seguridade da estrada entre Pereiró e Valadares, que implica nove actuacións en sete quilómetros.

 

A representante autonómica estivo acompañada pola xefa territorial da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Allegue, así como polos responsables da obra e veciños da parroquia viguesa. Actualmente xa está finalizada unha nova rotonda de 28 metros de diámetro que permite unha mellora do acceso aos distintos equipamentos (piscina, pavillón, AAVV) e un cambio de sentido no vial.

 

Ademais, tamén esta acabado un novo ramal de acceso á Escola de Educación Infantil Monte Alba, desde a nova glorieta. Así mesmo, executáronse muros de contención e novas beirarrúas na contorna, completando, e dando continuidade así, á beirarrúa existente na marxe esquerda, cun ancho mínimo de dous metros.

 

Da mesma maneira, fresouse o asfalto actual e repúxose cunha nova capa de rodadura, ademais de actualizar tanto a sinalización vertical como horizontal para adaptala á nova ordenación da intersección. Tamén se instalaron novos puntos de luz para mellorar a iluminación do ámbito.

 

“A actuación, nun treito de 7 km entre Pereiró e Valadares, ten como fin acadar a convivencia harmónica entre condutores e peóns nunhas zonas moi urbanas, atendendo ás demandas de veciños e comerciantes da contorna”, sinalou Ana Ortiz durante a visita.

 

Obras en Pereiró

A delegada avanzou tamén que xa están en marcha as obras na contorna de Pereiró, urbanizando un treito de 450 metros, entre a rotonda que está fronte ao cemiterio e serve de enlace do viario da universidade. 

 

A actuación da Xunta engloba outras accións como a sinalización horizontal ou elementos físicos para reforzar a seguridade noutras tres interseccións (en Carneiras, Carregal e O Portal) e as melloras de accesibilidade ou a reparación de beirarrúas onde sexa necesario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023