Esta mañá o delegado territorial da Xunta supervisou o estado das obras en execución

A Xunta inviste 12.000 euros na mellora da eficiencia e accesibilidade do local da Asociación Veciñal Quince de Agosto de Reza, no concello de Ourense

O delegado territorial detallou que na convocatoria de 2023 foron beneficiarias desta orde de axudas 58 entidades da provincia de Ourense cun importe de 599.397,54 euros

Destacou Gabriel Alén ao asociacionismo local como principal canle para detectar e atender as necesidades veciñais e subliñou o importante traballo que desenvolven estas entidades en estreito contacto coa poboación da súa contorna

Ourense, 11 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá as obras de mellora da eficiencia e accesibilidade do local da Asociación Veciñal Quince de Agosto de Reza, no concello de Ourense, nas que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes está a investir 12.000 euros ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria.

 

O delegado territorial detallou que na convocatoria de 2023 foron beneficiarias desta orde de axudas 58 entidades da provincia de Ourense cun importe de 599.397,54 euros. Desta contía, 506.154,43 euros destináronse a 48 asociacións de veciños, 51.944,22 euros a cinco comunidades de usuarios de augas, e 41.298,89 euros a 5 colectivos de mulleres rurais. No conxunto de Galicia e desde a posta en marcha da medida, o investimento do Goberno galego supera os 18,8 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.649 proxectos.

 

Destacou Gabriel Alén ao asociacionismo local como principal canle para detectar e atender as necesidades veciñais e subliñou o importante traballo que desenvolven estas entidades en estreito contacto coa poboación da súa contorna polo que se fai necesario o máximo apoio das administracións, con medidas específicas como é facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade.

 

Por iso, quixo lembrar o delegado territorial importancia deste tipo de axudas destinadas a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, que teñen como finalidade o acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, poden contemplar proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

 

As obras

 

As obras consisten no acondicionamento da sala diáfana; a demolición de tabique cerámico de ladrillo oco dobre, realizado mediante medios manuais. Estase a traballar na demolición dos armarios empotrados das estancias e na retirada de dúas unidades interiores e unha exterior de aire acondicionado de parede.

 

Tamén principiaron as obras de reparación do falso teito de xeso e as de adaptación da instalación eléctrica coa reforma dos circuítos eléctricos de alumeado.

 

A continuación instalarase tarima flotante vinílica imitación a madeira, incluíndo lámina illante acústico e rodapé, dintel reforzado e tabique de axuste.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023