Sanidade e Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra inician unha campaña de información en farmacias sobre prevención e control do mosquito tigre

A subdirectora xeral de programas de control de riscos ambientais para a Saúde visita unha farmacia de Moaña cun cartel informativo sobre a campaña

A dirección xeral de Saúde Pública e as farmacias promoven a colaboración cidadá para controlar a diseminación do vector

O Colexio de Farmacéuticos provincial trasladará á Consellería de Sanidade posibles incrementos significativos de picaduras de insecto

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, iniciou unha campaña de información en farmacias sobre a prevención e o control do mosquito tigre.

Así, a subdirectora xeral de programas de control de riscos ambientais para a Saúde, Inés Mato Naveira, acompañada pola xefa territorial de Sanidade de Pontevedra, Natalia Botana Rey, e polo vogal do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, José Antonio Fornos Pérez, visitou esta mañá en Moaña unha das farmacias que contan con carteis informativos e que colaborarán no traslado de posibles incrementos significativos de picaduras de insecto, dado que actualmente a área sanitaria de Vigo non ten detectado unha incidencia superior á habitual.

Con esta campaña, a Dirección Xeral de Saúde Pública salienta a relevancia da colaboración cidadá para o control deste vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika. Trasládanse as recomendacións para non contribuír a proliferación do mosquito tigre, evitar a súa picadura e fomentar o uso da app Mosquito Alert, coa que se permite enviar fotografías de mosquitos detectados, posibles lugares de cría e mesmo picaduras de mosquito para que sexan validadas por expertos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), grazas ao convenio subscrito pola Xunta e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

Ademais, despois da formación que Sanidade impartiu na delegación territorial da Xunta en Pontevedra para os Concellos da zona, a Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, ten previsto realizar unha formación específica dirixida a profesionais farmacéuticos comunitarios da provincia na que se teñen detectado exemplares de Aedes albopictus.

Na páxina web do departamento sanitario autonómico facilítase información detallada sobre o mosquito tigre e o programa de xestión integrada dispoñible para os Concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023