A Xunta remata as obras de mellora de seguridade viaria na vía de alta capacidade Ares-Mugardos coa substitución das gabias

As actuacións realizáronse tamén na autovía Ferrol-Vilalba e nas estradas AC-563 e AC-564, en Cabanas e na Capela, cun investimento conxunto de máis de 1,1 M€

Retiráronse as gabias profundas e executáronse outras de seguridade que facilitan a reincorporación dos vehículos á estrada no caso das saídas de vía

Estas intervencións, centradas nas marxes das vías e realizadas atendendo ao principio de “estradas que perdoan”, melloráronse as condicións de circulación e de seguridade nestas estradas que rexistran un gran volume de tráfico rodado

A Xunta segue traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de mellora de seguridade viaria na vía de alta capacidade Ares-Mugardos (VG-1.2) coa substitución das gabias profundas por outras máis seguras.

A Xunta tamén acometeu traballos similares nas estradas autonómicas da comarca de Ferrol, concretamente, na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba; e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e na Capela. As obras executadas nestas 4 estradas autonómicas supuxeron un investimento autonómico de máis de 1,1 M€.

Con estas intervencións, centradas nas marxes destas estradas de titularidade da Xunta e realizadas procuran facilitar a reincorporación á estrada dos vehículos no caso de saídas de vía, de acordo co criterio de “estradas que perdoan”. Deste xeito, melloráronse as condicións de circulación nestas catro vías que soportan un gran volume de tráfico rodado.

Os traballos realizados comezaron polo pintado dos bordos nas glorietas dos enlaces de vía de alta capacidade Ares-Mugardos. As intervencións levadas a cabo consistiron na transformación das gabias profundas existentes noutras de seguridade que facilitan a reincorporación dos vehículos á estrada no caso das saídas de vía, para o que se adaptaron as arquetas e sumidoiros e se recolocaron as barreiras de seguridade.

As obras incluíron tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Xúntanse imaxes do antes e do despois da execución das gabias de seguridade na vía de alta capacidade Ares-Mugardos, que evidencian a mellora realizada cando, por exemplo, se avaría un vehículo: antes da execución das obras, o vehículo xeraba unha situación de risco, ao non ter beiravía suficiente para parar; coa intervención realizada, esa situación de risco desaparece, ao poder situarse na nova cuneta de seguridade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023