A Xunta destaca a aposta de CLUN por investir en I+D+i e por modernizar as súas plantas

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co presidente e máis co director da cooperativa para coñecer os seus plans de crecemento

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co presidente e co director xeral de CLUN, José Ángel Blanco e Juan Gallástegui respectivamente, para coñecer os plans de crecemento desta cooperativa que agrupa 3.500 explotacións gandeiras de 30 concellos galegos.

Lorenzana destacou a aposta de CLUN por investir en I+D+i e por modernizar as súas plantas. Neste sentido, a cooperativa foi unha das beneficiarias da convocatoria de Centros de fabricación avanzada da Consellería de Economía, Industria e Innovación. Grazas a unha axuda de 2,5 M€ desenvolveuse un proxecto para a produción e envasado multiformato de produtos lácteos e outros derivados de alto valor engadido e longa vida útil.

CLUN, ademais, é un dos 14 socios do proxecto Smartz4milk Cadea de valor láctea intelixente, trazable, sustentable e conectada que se presentou ao Perte agroalimentario co obxectivo de transformar o sector lácteo a través da integración da I+D+i e o investimento en activos de protección ao medio ambiente e aforro enerxético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2023